Ir o contido principal

O Máster en Industria Musical da USC busca formar profesionais capacitados e xerar valor engadido cos recursos artísticos

O prazo de inscrición neste posgrao permanecerá aberto ata o 31 de agosto

Capacitar persoas para atender todos os ámbitos da industria musical é o obxectivo do I Máster en Industria Musical que se impartirá en Galicia e se presentou este mediodía nas Bodegas Martín Códax en Cambados, no transcurso dun acto que permitiu xuntar arredor dunha mesa representantes da universidade e de diferentes sensibilidades musicais e ámbitos profesionais, con proxección tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. O vicerreitor da Coordinación e Comunicación da USC, Xosé Pereira; o director do máster e profesor da USC Xaime Fandiño; os músicos Cristina Pato e Iván Ferreiro; Nicasio Gradaille, profesor de piano e integrante do innovador Taller Atlántico Contemporáneo; o empresario Ángel Martínez, xerente de Espectáculos Lito, o maior representante galego de orquestras de verbena, e o director da axencia Esmerarte Joaquín Martínez (Kin), manager, entre outros, de Vetusta Morla e Xoel López e organizador do festival Portamérica, participaron hoxe na presentación deste novo programa formativo da USC. A Universidade de Santiago de Compostela abordará nesta nova titulación os aspectos artístico, estético, sonoro, loxístico, de xestión, produción e comercialización da industria musical actual. De feito, o obxectivo deste programa de posgrao é conformar unha xeración de profesionais capacitados para a xeración de activos, a creación de valor engadido e a xestión de recursos artísticos e loxísticos na industria musical de Galicia, tal e como se puxo de manifesto na presentación do máster, que responde a unha iniciativa do equipo de investigación Canal Campus, un grupo multidisciplinar de docentes, investigadores e profesionais que aspira a facer da música unha saída profesional sustentable. O máster contará coa participación activa de músicos, managers, produtores, compositores, promotores e xestores dos diferentes subsectores da industria musical. O alumnado poderá, grazas a eles, coñecer de primeira man a experiencia de reputados profesionais e artistas da industria e servirá para establecer accións de networking pensadas para favorecer a inserción laboral dos egresados. Este contacto directo facilitará tamén a orientación dos nosos alumnos en función dos seus intereses cara a unha carreira nas áreas artísticas ou de xestión. Inscrición e destinatarios O prazo de preinscrición no I Máster en Industria Musical da USC remata o 31 de agosto de 2014 e as persoas interesadas poden atopar máis información na páxina web da USC ou a través do enderezo electrónico www.masterenindustriamusical.com. Este programa de posgrao resulta idóneo para titulados en Ciencias da Información, Comunicación Audiovisual, Belas Artes, Historia da Arte e Ciencias Económicas e Empresariais, entre outras. Os licenciados ou graduados en conservatorios superiores de música teñen tamén neste máster unha atractiva proposta académica con saídas profesionais na industria musical, así como a docencia e a investigación en música popular contemporánea, dentro da área internacionalmente coñecida como popular music studies.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2014.