O profesor Manuel Núñez Rodríguez estuda no seu último libro os pórticos maiores da Catedral
O catedrático de Historia da Arte Manuel Núñez Rodríguez acaba de presentar o seu libro A la búsqueda de la memoria. Los tres pórticos mayores de la Basílica de Gelmírez, no quen fai un percorrido monográfico polas tres principais portas da basílica románica da Catedral. O volume está coeditado polo Consorcio de Santiago e o Círculo Románico. O traballo constitúe a última achega de Núñez Rodríguez ao coñecemento do románico e, en concreto, á interpretación da mensaxe que nos transmite a iconografía das portadas norte, sur e oeste da Catedral, ofrecendo unha lectura nova e que completa os estudos anteriores. Trata de organizar cal foi a formulación do tres pórticos considerándoos un conxunto unitario e como un compendio de teoloxía, dereito canónico, liturxia, haxiografía, literatura, historia, e antropoloxía. Complementariamente, o libro sinala como este conxunto iconográfico tivo que facer fronte, en tempos de Xelmírez, a formulacións heréticas como as de carácter dualista referidos ao “Logos” encarnado. Tamén considera o valor da penitencia e, con ela, dun conxunto temático que invoca os vicios consubstanciais co peregrino que chega en busca do perdón. Todo iso nun momento caracterizado pola ansia de atopar a Deus na terra, como etapa previa ao “máis alá”.