Ir o contido principal

O reitor reuniuse co secretario xeral do PSdeG

O reitor reuniuse co secretario xeral do PSdeG
O reitor reuniuse co secretario xeral do PSdeG

O reitor da USC, Juan Casares, recibiu esta mañá ao recentemente elixido secretario xeral do PSdeG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro, á súa vez presidente da Deputación de Lugo. Precisamente o “ apoio permanente” desa Deputación ao campus lugués foi posto en valor por Casares, que a cualificou de “referente”. Nunha conversa “cordial”, o reitor e o líder dos socialistas galegos discutiron os problemas que afectan na actualidade ao ámbito universitario como o financiamento ou a igualdade de oportunidades, tratando de dar respostas e buscar solucións urxentes partindo a maioría das veces de visións coincidentes “que conflúen –dixo Besteiro- na aposta pola Universidade pública, de calidade e excelente”. Para o secretario xeral do PSdeG “as universidades teñen que contar con financiamento público como eixos estratéxicos para o país que son, continuar coa súa autonomía e garantir a igualdade de oportunidades que permitiu ter hoxe unha sociedade excelente”. Erasmus Consultado polos medios de comunicación sobre as últimas declaracións do ministro de Educación que mantiña que Europa pensaba xa dende hai meses recortar á metade os fondos para o programa Erasmus, Casares manifestou a súa sorpresa por atoparse diariamente “informacións preocupantes que os reitores descoñeciamos”. En todo caso, “de ser certo”, o reitor compostelán solicita que se faga o esforzo de defender a posición de liderado que teñen hoxe as universidades españolas en materia de mobilidade Erasmus, á vez que manifestaba a súa esperanza en que para o mantemento do programa “ se estean poñendo recursos semellantes aos que se puxeron cando houbo que buscar financiamento para a banca”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2013.