Ir o contido principal

Un seminario internacional estuda na USC a onda de violencia da nova esquerda revolucionaria en América Latina e Europa

Pretenden crear unha rede de estudo comparado da violencia política e a mobilización revolucionaria entre 1960 e 1990

Partindo do estudo das ondas da violencia revolucionaria proposta por David C. Rapoport, a USC acollerá os vindeiros días 18 e 19 de novembro un encontro académico en torno ás orixes, desenvolvemento e declive da ‘nova esquerda’ revolucionaria en América Latina e Europa, que o autor sitúa entre os anos sesenta e oitenta do século XX. O seminario internacional ‘A onda revolucionaria da nova esquerda en América Latina e Europa’, a desenvolver no Centro de Estudos Avanzados (CEA), propón un debate de alta especialización con prestixioso persoal investigador sénior. A inauguración será o luns 18 ás 9.00 horas e nela, baixo a presidencia do reitor Juan Casares, participarán o director de Estudos para a Época Moderna e Contemporánea da Casa Velázquez, Shtepane Michonneau; o director do Departamento de Historia Contemporánea e de América, Lourenzo Fernández; a responsable do convenio e relacións coa Casa Velázquez, Ofelia Rey; e o coordinador do encontro, Eduardo Rey. Os asistentes profundarán nos nexos entre organizacións e grupos en e entre ambos os dous continentes no referido á difusión de ideas e repertorios de acción; a colaboración, axuda ou solidariedade entre organizacións tanto latinoamericanas como europeas; e as perspectivas comparadas que permitan atopar posibles patróns comúns de xurdimento, desenvolvemento e desaparición de grupos armados dentro da onda da ‘Nova Esquerda’. Rede internacional Durante a primeira xornada terá lugar o Seminario Internacional ‘Perspectivas transnacionais na investigación da violencia política’, que buscará indagar en torno ás cuestións sinaladas a través do debate con investigadores de referencia no panorama internacional: Peter Waldmann, Eduardo González Calleja, Timothy Wickham-Crowley e Yvon Le Bot. O martes estará dedicado á exposición de liñas de investigación que deriven na busca de puntos de encontro de cara á futura construción dunha Rede Internacional entre América Latina, Europa e Estados Unidos dedicada ao estudo comparado da violencia política e a mobilización revolucionaria entre 1960 e 1990.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2013.