Ir o contido principal

O Tombo de Samos, unha das xoias documentais que custodia o Arquivo Histórico Universitario

O Tombo de Samos permanece no AHUS dende os anos 80 do século pasado. Foto: Santi Alvite
O Tombo de Samos permanece no AHUS dende os anos 80 do século pasado. Foto: Santi Alvite
O códice, que se pode consultar en Galiciana, permite reconstruír a historia primixenia dun dos mosteiros máis importantes de Galicia e o máis antigo habitado de España
Santiago de Compostela

O Concello de Samos anunciaba hai uns días a primeira edición en galego do tombo do Mosteiro de Samos, cuxo orixinal do século XIII o ten en custodia o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago (AHUS). Esta xoia documental medieval está dixitalizada e pode consultarse a través de Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia, o repositorio web onde o Arquivo fai accesibles para a súa consulta os seus importantes fondos documentais.

Un tombo documental é un códice ou cartulario (como se lle coñece na zona catalano-aragonesa e navarro-oriental) ou libro becerro (Castela, A Rioxa e zona navarro-occidental), en definitiva, un libro de gran tamaño realizado en pergamiño no que unha institución relixiosa (mosteiro ou catedral) rexistraba as súas pertenzas, privilexios e demais documentos importantes. Era por tanto un exemplar moi valioso para a comunidade dado que servía para compilar e servir de salvagarda da información xurídica, patrimonial e administrativa máis esencial, ofrecendo un acceso rápido aos documentos no caso da perda dos orixinais.

O Tombo de Samos

Segundo o estudo realizado polo catedrático da USC Manuel Lucas Álvarez, o códice inicial estaba custodiado no século X no Arquivo Real de Oviedo. Contaba daquelas con 59 documentos, entre os que se atopaban diplomas dos reis de Asturias: Afonso II o Casto, Ramiro I, Ordoño I e Afonso III. Este primeiro cartulario da chancelería ovetense pasou a mans dos monxes enviados por S. Virila, abade de Penamaior (Becerreá), no momento da restauración monacal de San Xulián de Samos. Co paso dos séculos fóronselle engadindo novas escrituras ata converter o arquivo deste mosteiro nun dos máis ricos e importantes de Galicia.

No primeiro cuarto do século XIII trasladáronse os documentos orixinais ao Tombo de Samos, que é o que hoxe se custodia no AHUS. Sábese que desapareceu durante o proceso de desamortización eclesiástica levado a cabo por Mendizábal en 1836, tal vez debido a que o levou consigo algún monxe exclaustrado.

O redescubrimento

Non se soubo nada do seu paradoiro ata o ano 1984, cando o Departamento de Historia Medieval da Facultade de Xeografía e Historia da USC recibiu a visita dun particular para solicitar un revisión experta do libro manuscrito que tiña no seu poder. Tras a análise realizada, constatouse que se trataba do Tombo desaparecido de Samos pasando a ser custodiado desde ese momento polo arquivo universitario.

O Tombo de Samos é unha xoia documental medieval pertencente ao primeiro cuarto do século XIII conformada por 287 pezas documentais que recollen toda a información do mosteiro de Samos conservada desde o ano 785 ata o 1209 relativa a privilexios e concesións reais, sobre ben patrimoniais ou cuestións de organización, administración e funcionamento, entre outros documentos eclesiásticos, nobiliarios, pontificios e privados, constituíndo así un libro único que permite reconstruír a historia primixenia dun dos mosteiros máis importantes de Galicia que é, ademais, o máis antigo habitado de España.

O autor foi un único amanuense (excepto nos documentos nº 246 e 249) e está escrito en carolina avanzada con tendencia a fracturas propias da letra gótica inicial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2025.