Ir o contido principal

As tres universidades galegas e a Consellaría de Educación xuntan esforzos arredor do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Os tres reitores, xunto co conselleiro e o secretario xeral de Política Lingüística reciben as explicacións do profesor de Filoloxía Galega da USC Manuel González
Os tres reitores, xunto co conselleiro e o secretario xeral de Política Lingüística reciben as explicacións do profesor de Filoloxía Galega da USC Manuel González

As tres universidades galegas e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ratificaron a súa colaboración para levar a cabo diferentes accións en materia de investigación lingüística ata o ano 2015 a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). No acto de sinatura, que tivo lugar nas dependencias do Centro Ramón Piñeiro, participou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, acompañado polos reitores das tres universidades, Juan Casares Long, Xosé Luís Armesto Barbeito e Salustiano Mato de la Iglesia. Asistiron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. Os convenios asinados este martes supoñen o desenvolvemento de 18 proxectos que ten en marcha actualmente o Centro. No caso da USC, trátase do Sintetizador de Voz (Cotovía); o Termigal (Servizo Galego de terminoloxía Científica-Técnica, no que tamén participa a Real Academia Galega); a Base de Datos do Atlas Lingüístico Románico (ALIR); a Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA); o Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA); o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (Codolga); o Dicionario Galego-Italiano / Italiano-Galego; o Código de Dereito Galego en Liña; o Arquivo Galicia Medieval (ARGAMED); a Lírica Galego-Portuguesa; a Prosa Literaria; o proxecto de Cantigas de Santa María; o Dicionario de Literatura Galega; a Bibliografía da Literatura Galega; o Informe Anual de Literatura Galega; o proxecto de Literatura Infantil e Xuvenil e o de Dimensións da Identidade Colectiva de Galicia. O CRPIH desenvolve, desde a súa creación en 1993, diversos proxectos que inciden no estudo filolóxico e de conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas e que permiten unha investigación en profundidade da historia lingüística e literaria do galego. Na implementación destes proxectos colaboran, dende o ano 1995, as tres universidades galegas, co apoio económico da Administración autonómica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2013.