Ir o contido principal

A USC presenta o libro Menores en crisis, cunha serie de propostas de intervención e medidas reeducativas

Na presentación intervirá ademais do reitor e a coautora do volume, o valedor do Pobo

A USC acaba de editar o libro Menores en crisis, na que da man de expertos/as e profesionais se achegan unha serie de propostas de intervención e medidas reeducativas para este colectivo. O libro presentarase en rolda de prensa este martes 28 na Sala de Prensa do Colexio de San Xerome a partir das 11.00 horas. Xunto ao reitor Juan Casares, intervirán o valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; a co-autora do volume, Mª Dolores Fernández Tilve; e o director do Servizo de Publicación, Juan Blanco. Ademais tamén estará presente o outro co-autor da obra, José Manuel Suárez Sandomingo. O libro aposta por reunir a un conxunto de “cualificados profesionais de recoñecido prestixio, animados pola vocación de contribuír ao apaixonante reto da inclusión socioeducativa”. Son un total de 16 capítulos e un prólogo do catedrático de Didáctica e Organización Escolar, Miguel Zabalza, que prestan atención a cuestións como os plans de convivencia nos centros escolares, a intervención en situacións de maltrato infantil, a integración de inmigrantes novos en España ou a intervención en familias que experimentan separación ou divorcio, entre outros asuntos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2013.