Skip to main content

Bota a andar unha nova edición do Programa de Extensión Cultural de Astronomía da USC

O programa conta con varias observacións nocturnas. FOTO: Santi Alvite
O programa conta con varias observacións nocturnas. FOTO: Santi Alvite
A inscrición esténdese do 20 ao 22 de marzo e o acto de presentación terá lugar o xoves 23 ás 20.15 horas na Facultade de Óptica e Optometría
Santiago de Compostela

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC recupera o seu Programa de Extensión Cultural de Astronomía (PECAS) que chega xa á súa edición número 24. Posto en marcha en 1997, foi ofertado todos os anos coa excepción dos últimos tempos por mor da pandemia, tendo como finalidade achegar a Astronomía sobre todo ao estudantado pero tamén ao PAS, PDI, e á cidadanía en xeral. A inscrición terá lugar os días 20, 21, e 22 deste mes de marzo. Mentres que a comunidade universitaria poderá solicitar praza a través da páxina web do PECAS, o resto de persoas interesadas poderán cubrir o formulario operativo a partir do luns.

O programa conta con varias observacións nocturnas “tanto de astros do Sistema Solar como de estrelas dobres, cúmulos estelares, nebulosas, e galaxias, ademais de cinco charlas sobre distintos temas astronómicos de interese”, apunta o director do Observatorio, José Ángel Docobo. Xunto ao profesor Docobo, o equipo de traballo intégrano Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto. O acto de presentación do PECAS 2023 terá lugar o vindeiro xoves, día 23, ás 20.15 horas na aula magna da Facultade de Óptica e Optometría e contará cunha charla sobre Ramón María Aller e o Observatorio que leva o seu nome na USC.

A formación impartirase de marzo a outubro de 2023, grazas ao financiamento da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC, e co apoio do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía a través da Axencia Estatal de Investigación. Tamén patrocina a actividade a empresa Óptica Val. O alumnado de grao poderá obter 1 crédito ECTS pola realización do programa.

Cartel da iniciativa
Cartel da iniciativa
The contents of this page were updated on 03.20.2023.