Skip to main content

Abre o prazo das axudas para actividades de dinamización sociocultural, físico-deportivas e culturais

As iniciativas están abertas ao conxunto da comunidade universitaria. Foto: Santi Alvite
As iniciativas están abertas ao conxunto da comunidade universitaria. Foto: Santi Alvite
Abertas a toda a comunidade universitaria, as propostas poderán presentarse ata o 3 de xaneiro

A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura convocou as axudas destinadas a actividades de dinamización sociocultural, físico-deportivas e culturais nos centros da USC no exercicio 2025. Estas axudas xurdiron para que as facultades e escolas sexan, xunto co Consello do Estudantado, partícipes directas no deseño e execución de actividades que dinamicen a vida universitaria e que estean ligadas aos intereses do seu estudantado. As propostas poderán presentarse ata o 3 de xaneiro.

Só se poderá formular unha actividade por solicitude e deberá ser presentada pola persoa que represente o Consello do Estudantado, pola decana ou decano ou ben pola directora ou director dun centro da USC, que será a persoa encargada de realizar todos os trámites pertinentes coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, con respecto á presentación da solicitude, execución e xustificación da actividade.

A iniciativa proposta, aberta ao conxunto da comunidade universitaria, ten que incluír a perspectiva de xénero no seu deseño e execución, alén de recoller unha previsión do seu impacto ambiental e de contar co aval dun mínimo de 20 estudantes por centro participante. A actividade deberá empregar a lingua galega e terá que executarse entre o 20 de febreiro e o 30 de novembro de 2025.

Entre os criterios de valoración das propostas, terase en conta o seu impacto potencial na comunidade estudantil (20 puntos), o apoio do estudantado e implicación na súa organización (20 puntos), a calidade e adecuación da proposta ao obxecto da convocatoria (20 puntos), a adecuación do orzamento solicitado á actividade (20 puntos), a descrición da estratexia de difusión  (10 puntos) así como as ferramentas de avaliación do éxito da iniciativa (10 puntos).

Desta convocatoria quedan excluídas as actividades de carácter académico, as viaxes, as actividades presentadas ou organizadas directa ou indirectamente en nome de organizacións, sindicatos e/ou partidos políticos, ou as actividades realizadas en nome de colectivos non universitarios.

The contents of this page were updated on 12.11.2024.