
Iniciativas da USC para aumentar a presenza do galego
A Universidade vén poñendo en marcha actuacións que promoven o uso do galego entre o profesorado e o alumnado.
A máis recente delas —e unha das máis potentes— é o recoñecemento de 0,2 horas docentes equivalentes (HDE) por cada hora de clase impartida en galego, a partir do curso 2024-2025.
Pero tamén se desenvolveron campañas como Ensinas máis do que cres, que pon o foco no papel que o profesorado pode desempeñar como modelo de comportamentos e actitudes lingüísticas. E desenvolvéronse servizos e recursos para apoiar ao profesorado que usa o galego na súa docencia:
- asesoramento lingüístico para elaborar o material docente.
- acceso á ferramenta de tradución automática.
- formación dirixida a mellorar as súas competencias lingüísticas ou a xestionar as situacións multilingües nas aulas.
- acceso preferente a convocatorias do Servizo de Normalización Lingüística, como a formación e a edición de Unidades didácticas, ou a elaboración de Esenciais.