Pasar al contenido principal

Un seminario en Lugo aborda a incidencia das TIC na acción de goberno e a posta en marcha de políticas de goberno aberto orientadas á mellora do benestar

O grupo de Investigación Social e Políticas Públicas da USC (ISOPOLIS) organiza xunto coa Deputación de Lugo o seminario sobre Goberno aberto na provincia de Lugo para abordar a incidencia das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) na acción de goberno ou a posta en marcha de políticas de goberno aberto orientadas á mellora do benestar da cidadanía. Esta acción formativa fará fincapé no desenvolvemento do e-Goberno no ámbito local e na xeración de proxectos de cidades intelixentes e socialmente responsables en termos de compromiso, transparencia e edificación dunha cidadanía implicada na acción das administracións locais. O evento, dirixido polo vicedecano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Ramón Bouzas Lorenzo, contará coa presenza de destacados expertos en xestión pública, goberno aberto e novas tecnoloxías. O seu obxectivo será a creación dun espazo para o achegamento e o debate entre responsables políticos, cidadáns e empregados públicos arredor do fenómeno da difusión das TIC dos gobernos e a cidadanía, atendendo especialmente ao ámbito local. No Salón de Actos da Deputación de Lugo, o programa comezará este mércores 18 ás 10.30 coa conferencia de Carles Ramió Matas, da Universitat Pompeu Fabra, falando da transparencia e o goberno aberto na xestión pública local e continuará da man de Agustí Cerrillo i Martínez, da UOC, abordando a situación actual e perspectivas de futuro do goberno electrónico. Para completar a mañá, a partir das 13.00 horas, o docente da Universidade de Bath (Reino Unido) Manuel Souto Otero proporá unha reflexión sobre a incidencia das acción de goberno electrónico nas políticas educativas. Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas Victoria Alsina Burgués, da Universitat Pompeu Fabra, presentará o relatorio ‘Educación aberta e plataformas educativas en internet’. Esta primeira xornada completarase coa celebración dunha mesa redonda dedicada ao ‘e-learning e futuro do ensino superior’, e na que intervirán Pablo Muñoz Carril e Celestino García Ares, da USC, e Roser Beneito Montagut, da Cardiff Univresity e da UOC.

Ata 15 expertos procedentes de universidades españolas como a USC, Pompeu Fabra, Universitat Oberta de Catalunya, País Vasco, Deusto o Barcelona, así como das Universidades de Cardiff e Bath (Reino Unido) impartirán conferencias e tomarán parte en mesas redondas. Recoñecidos especialistas en xestión pública abordarán aspectos como a participación cidadá como ferramenta fundamental dos gobernos intelixentes, as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para a mellora da xestión dos servizos públicos ou as smart cities, as cidades intelixentes e socialmente innovadoras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2014.