Pasar al contenido principal

Os programas de posgrao impartidos no Campus de Lugo captan máis de 300 titulados universitarios

Alumnado do mestrado en Dirección de Proxectos, na EPS de Enxeñaría
Alumnado do mestrado en Dirección de Proxectos, na EPS de Enxeñaría
Os mestrados en Dirección de Proxectos, Servizos Culturais e Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) son os títulos de posgrao con máis presenza de alumnado internacional, na súa maioría procedente de países de Asia, América Latina e Europa
Lugo

O Campus de Lugo da USC atopa na súa oferta de mestrados oficiais e títulos propios, ademais doutros cursos de especialización, un reclamo atractivo para moitos graduados e graduadas universitarias, segundo indican as estatísticas provisionais de matrícula, que contabilizan xa máis de 300 persoas inscritas, moitas das cales optaron por continuar a súa formación na se de universitaria luguesa. A esta cifra, cómpre sumar tamén un número cada vez maior de estudantes internacionais na súa maioría procedentes de máis dunha decena de países de Asia, América Latina e Europa.

Á espera de que rematen os prazos de matrícula, cuxas últimas convocatorias aínda permanecen abertas no caso dalgunhas titulacións, tales como os mestrados habilitantes de Enxeñaría de Montes e Agrónomos, os programas de posgrao relacionados coa área de coñecemento das Ciencias Sociais e Xurídicas son os que rexistran un maior éxito de matrícula. Cómpre sinalar neste senso o mestrado oficial en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) ou mesmo os posgraos de Mestre en Educación Secundaria e Formación Profesional que imparte a USC na Facultade de Formación do Profesorado, xa que se trata de titulacións que completaron todas as prazas ofertadas. Outros posgraos deste área de coñecemento, como o son os mestrados en Avogacía ou Dirección de Empresas, que aínda contan con prazas, presentan tamén un nivel de matrícula sostido ao longo dos últimos cursos.

As titulacións de posgrao encadradas na área das enxeñarías e de arquitectura deparan unha imaxe menos homoxénea en canto a estatísticas de matrícula. Así, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo conviven posgraos oficiais en Dirección de Proxectos ou Sistemas Aéreos non Tripulados, que completaron prazas, con outros títulos non tan solicitados, tales como Enxeñaría de Procesado de Alimentos, Planificación e Xestión Territorial, ou mesmo cos mestrados habilitantes en Montes e Agrónomos, que están á espera da resolución das últimas convocatorias de presentación dos Traballos de Fin de Grao (TFG) para poder ampliar as cifras de alumnado. Unha situación semellante é a que afecta ao título de posgrao en Enxeñaría de Proceso de Alimentos.

O mestrado oficial en Servizos Culturais, un dos títulos de posgrao impartidos pola USC no Campus de Lugo que, do mesmo xeito que o mestrado DAEN ou o de Dirección de Proxectos, capta un maior número de estudantes internacionais, constitúe outro dos programas que completa a súa oferta e incluso rexistra lista de agarda.

Os mestrados en Xenómica e Xenética que se imparte na Facultade de Veterinaria é outro dos posgraos que non rexistra vacantes, do mesmo xeito que o posgrao propio en Produción de Leite ou o mestrado en Innovación e Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias, que supera o 80% de ocupación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.09.2021.