A USC rende tributo ao “compromiso firme e inquebrantable” do profesor Darío Villanueva

“Darío Villanueva é unha das figuras senlleiras da nosa Universidade. Foi, é e será un universitario no sentido máis pleno da palabra. A pegada que deixa nos estudantes tanto dentro como fóra da USC é moi fonda, como fondo é o seu compromiso firme e inquebrantable coa institución”. Así definiu a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso ao profesor emérito da USC Darío Villanueva Prieto. O ex reitor foi homenaxeado no marco do IX Simposio da Asociación Española de Teoría de la Literatura (ASETEL) que botou a andar este xoves na Facultade de Filoloxía e que tamén se estenderá ao longo do venres 8.
“Hai unha palabra que mor moito que se use non se estraga e esa palabra é gracias”, afirmou emocionado o profesor Villanueva logo de escoitar as louvanzas dos seus compañeiros. “Débolle moito á USC”, engadiu para despois facer un repaso por algúns dos episodios vividos nos seus case cincuenta anos de servizo á institución. O ex reitor Villanueva foi o encargado ademais de pronunciar o relatorio inaugural do simposio baixo o título ‘A verdade das distopías’.
Tamén tomaron parte nesta sesión inaugural o decano da Facultade, Elias J. Feijó Torres; Santiago Fernández Mosquera, director do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da USC; e Domingo Sánchez-Mesa, presidente de ASETEL. O decano quixo subliñar que “como estudante que fun desta Facultade quero unirme a este recoñecemento xa que o profesor Villanueva é desas poucas persoas que paga a pena oír sempre”. Pola súa parte, o profesor Fernández Mosquera destacou que “para moitos de nós Darío marcou a nosa traxectoria académica e universitaria. Xa dende ese momento como alumnos, sentímolo como un referente. Aprendemos del un xeito de ser e actuar. Foi para nós un modelo de comportamento”. Ademais de catedrático, reitor da USC entre 1994 e 2002 e director da RAE, o profesor Villanueva (Vilalba, 1950), tal e como se evidenciou no acto deste xoves, constitúe unha figura de referencia no eido da Teoría da Literatura e da Literatura Comparada a nivel internacional, alén de ser doutor honoris causa por diversas universidades europeas e americanas.
Programa
As conferencias, relatorios e debates do IX Simposio de ASETEL abordarán ao longo destas dúas xornadas o contaxio teórico-práctico entre a literatura e outros medios de comunicación. Así, este foro ofrécese como espazo de reflexión sobre a actualidade e visibilidade da propia disciplina na sociedade dos medios; as relacións intermediais e transxenéricas en contornas e formatos que obrigan a cuestionar determinadas concepcións institucionais da literatura; o debate terminolóxico e clasificatorio das formas breves contemporáneas, as súas coordenadas transxenéricas, así como o seu carácter híbrido e a súa apertura a fenómenos tecnomediáticos; e os aspectos socioeconómicos e culturais que condicionan os estudos literarios dende distintas perspectivas. O simposio está coordinado polos profesores Anxo Abuín González, Paulo Antonio Gatica Cote e María do Cebreiro Rábade Villar.
