Pasar al contenido principal

Queimas prescritas e pastoreo, prácticas sustentables para rexuvenecer o monte e preservar hábitats naturais

Parcelas dos Ancares nas que se combinaron queimas e pastoreo no marco do proxecto Open2preserve
Parcelas dos Ancares nas que se combinaron queimas e pastoreo no marco do proxecto Open2preserve
O grupo Silvopast da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC presenta en Piornedo resultados de experiencias de valorización de servizos ecosistémicos postas en práctica en parcelas montañosas dos Ancares incluídas na Rede Natura 2000 ao abeiro do proxecto europeo Open2preserve, coordinado na USC por Rosa Mosquera
Lugo

As queimas controladas ou prescristas e o pastoreo guiado non dúas prácticas pouco menos que ancestrais que seguen a ser perfectamente aptas para rexuvenecer o mato dos montes, ademais de para preservar os distintos hábitats naturais en superficies montañosas, tal e como se puxo de manifesto este martes en Piornedo dos Ancares no marco do obradoiro de presentación de resultados das diversas experiencias desenvolvidas neste espazo natural incluído na Rede Natura 2000 polo grupo de Sistemas Silvopastorais (Silvopast) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra ao abeiro do proxecto europeo Open2preserve, coordinado na USC pola catedrática Rosa Mosquera Losada.

A xornada, na que tomaron parte uns 20 representantes de diversos sectores, tales como cooperativas, gandeiros, ademais de administracións e sociedades científicas, permitiu transferir os resultados das experiencias xa feitas, ao tempo que serviu para poñer en valor a aplicación dun modelo de xestión sustentable que combina prácticas de queimas prescritas e herbivorismo pírico e que resulta acaído para a preservación de servizos ecosistémicos na montaña luguesa.

O control da biomasa combustible e a conseguinte diminución dos risco de grandes incendios forestais, así como o aproveitamento dos recursos naturais propios desta área de montaña a través do pastoreo constitúen outros dos beneficios das prácticas ensaiadas ao abeiro do proxecto Interreg Open2preserve, unha iniciativa comunitaria que busca ofrecer solucións innovadoras aptas para replicarse tanto a nivel local como rexional e que garantan tanto a viabilidade económica como a conservación do medio natural.

 O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría Antonio Rigueiro explicou que no caso das experiencias prácticas realizadas no Monte O Cerredo, na localidade ancaresa de Grao, as queimas prescritas e as accións de pastoreo contribuíron a rexuvenecer as matogueiras, que agromaron de novo con máis vitalidade logo de que as lapas asolaran a parte superficial sen danar as raíces soterradas. Co pastoreo, engadiu este investigador, o gando contribúe tamén a exercer un certo control sobre a vexetación ao tempo que impide a proliferación de material leñoso, ao tempo que outorga rendibilidade a esta fórmula de aproveitamento dos recursos naturais.

Outra das vantaxes que levan implícitas este tipo de prácticas sustentables de conservación e preservación de hábitats atinxe a cuestións ligadas á propagación de incendios forestais. De feito, sinala Rigueiro, os hábitats de matogueira ou uceira atlántica está chamados a converterse en bosque co paso do tempo sempre que non se exerza ningunha actividade sobre a súa superficie, polo que cómpre este tipo de accións que se ben respectan a biodiversidade tamén impiden o seu descontrol.

Alén dos beneficios xa citados asociados a queimas prescritas e pastoreo guiado, Rigueiro lembrou que as experiencias prácticas realizadas co proxecto Open2preserve permiten asemade a protección dun espazo da Rede Natura, unha catalogación que xa de por si denota o seu valor ambiental.

Programa da xornada

Un relatorio sobre o aproveitamento do monte dos Ancares, a cargo de Xosé Eloi Villada Legaspi, da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, abriu o obradoiro de presentación de resultados do proxecto Open2preserve, unha sesión na que Antonio Rigueiro tamén fixo unha breve exposición sobre os bosques da Rede Natura 2000 e nomeadamente sobre a biodiversidade da serra dos Ancares.

O xerente da cooperativa A Carqueixa, Román Sánchez, falou na súa intervención da gandaría e das estratexias de comercialización como vías de desenvolvemento local para a xestión do territorio. O manexo dos lumes controlados centrou a charla ofrecida neste foro por Cristina Fernández Filgueira, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, mentres que Ramón Ignacio Sánchez, do distrito VII A Fonsagrada-Os Ancares da Xunta de Galicia, afondou sobre os procedementos administrativos que rexen as queimas prescritas.

A xornada matinal rematou cun coloquio moderado pola catedrática Rosa Mosquera sobre queimas e pastoreo de gando como ferramentas acaídas para a conservación de espazos naturais. Neste foro participaron como relatores Daniel Franco, do Centro Tecnolóxico da Carne; o xerente e o gandeiro da cooperativa A Carqueixa, Román Sánchez e José Alba, respectivamente; un socio da granxa Teixeiro e Pistón SC, así como un representante do distrito VII A Fonsagrada-Ancares da Xunta de Galicia. O programa rematou en quenda de tarde cunha visita ás parcelas do Monte O Cerredo, en Grao, onde se fixeron as distintas experiencias prácticas.

Participantes e relatores do obradoiro do proxecto Open2preserve desenvolvido en Piornedo
Participantes e relatores do obradoiro do proxecto Open2preserve desenvolvido en Piornedo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2021.