Pasar al contenido principal

A vitivinicultura fermenta desde as aulas do Campus Terra

Visita de alumnado da EPS de Enxeñaría a explotacións vitivinícolas do Ribeiro
Visita de alumnado da EPS de Enxeñaría a explotacións vitivinícolas do Ribeiro
Alumnado da EPS de Enxeñaría visita os viñedos e as instalacións de Viña Costeira e mantén encontros con viticultores do Ribeiro para coñecer procesos e técnicas de xestión de vides, estratexias de planificación, tecnoloxía e produción vinícola
Lugo

A vitivinicultura fermenta no Campus Terra da USC e está a converterse nunha especialidade cara a que cada ano xiran a súa ollada estudantes do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, así como do mestrado en Enxeñaría Agrónoma, dúas das titulacións a través da que a EPS de Enxeñaría contribúe á transferencia de coñecemento e tecnoloxía ao sector, ao que tamén achega de capacitación, ademais de fornecer as súa adegas e explotacións de profesionais e técnicos cualificados.

O achegamento dos enxeñeiros agronómicos titulados na sede universitaria luguesa á realidade vitícola e, en consecuencia, ao mundo da xestión de viñedos, produción de viño e comercialización de uva, comeza xa na súa formación de grao con visitas a explotacións vinícolas, produtores particulares ou adegas representativas, como é o caso de Viña Costeira, con sede en Ribadavia e cuxas instalacións reciben cada outono unha delegación estudantil encabezada polo profesor Julián García Berrios.

Estas visitas de marcada orientación práctica e experimental, salienta García Berrios, permiten ao alumnado descubrir desde dentro o mundo do viño, coñecer as técnicas de xestión e planificación de viñedos, procesos de produción, tecnoloxías aplicadas, así como as diversas vicisitudes que afectan á uva desde a plantación dun viñedo ata a posterior elaboración e comercialización dos viños.

A uva é un produto estacional e perecedoiro, polo que ten un horizonte de oportunidade moi temporal dependente de moitas conxunturas, sinala García Berrios, ao tempo que precisa que este tipo de actividades prácticas permite ao estudantado ter unha visión máis ampla sobre un sector que ten un peso económico importante e que constitúe un niño de emprego no ámbito da enxeñaría agronómica.

Daquela, neste contexto e en aras a mellorar a capacitación dos futuros profesionais da enxeñaría agronómica, García Berrios estima interesante que o alumnado coñeza de primeira man o sistemas de xestión e planificación das adegas, así como as problemáticas específicas de produtores particulares, tanto en ecolóxico, como é o caso da adega Cume do Avia, asentada tamén en Ribadavia, ou Xurxo de Cenlle, un viticultor deste municipio ourensán da comarca do Ribeiro que vende uva, pero non elabora viño.

Visita a adegas de Chantada

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC organiza o domingo 14 de novembro unha expedición enoturística pola comarca de Chantada, no marco da que unha nutrida delegación universitaria, integrada por estudantes, investigadores, docentes e outras persoas achegadas, poderán visitar varias adegas localizadas nas ribeiras do río Miño da man do profesor Julián García Berrios.

O programa desta xornada, cuxo número de inscritos duplicou as 40 prazas ofertadas, inclúe visitas ás adegas Scintilla, Amedo e Sabatelius, ademais de contemplar outras visitas guiadas ao rico patrimonio arquitectónico existentes nesta comarca luguesa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2021.