O Inventario Forestal Continuo sitúa Galicia á vangarda do sector e convértea en referencia para os países nórdicos

O Inventario Forestal Continuo de Galicia que están a desenvolver investigadores da Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFOR) e do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, xunto coa UVigo e o Instituto Galego de Estatística, ademais doutros provedores externos, sitúa Galicia á vangarda do sector, como o proba o crecente interese que están a mostrar os países nórdicos nesta nova ferramenta de xestión forestal dotada do sistema de monitorización máis avanzado.
O interese deste proxecto estratéxico para a promoción e posta en valor do monte galego financiado con preto de 600.000 euros pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, propiciou a recente visita ao Campus de Lugo dunha delegación do instituto finés Metsäkeskus (Servizo Forestal de Finlandia). A comitiva nórdica, cuxo centro público de extensión forestal foi pioneiro na elaboración dun inventario forestal que agora pretende actualizar coas novas técnicas de monitorización, aproveitou a súa estadía en Galicia para manter encontros de traballo cos investigadores da UVigo e da USC implicados no desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia, a fin de coñecer ao detalle as súas prestacións e de avaliar as posibilidades de implementación en Finlandia.
As vantaxes que ofrece o futuro inventario galego como ferramenta de xestión forestal son múltiples, segundo subliña o o profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra César Pérez Cruzado, que é o investigador principal da USC no proxecto impulsado desde a Administración autonómica logo dun proceso participativo que permitiu coñecer as necesidades e problemáticas advertidas polo sector.
Despois de meses de traballo, os investigadores implicados no Inventario Forestal Continuo de Galicia presentaron este mes un proxecto piloto do futuro documento. Esta primeira ferramenta aínda provisoria recolle e aplica a información obtida dos estudos realizados dunha superficie de 8 por 8 quilómetros, sinala Pérez Cruzado, ao tempo que precisa que o novo inventario galego de ordenación e planificación forestal pretende achegar información de utilidade para atallar tres cuestión prioritarias, tales como o son a problemática dos incendios, a detección e prevención de pragas forestais e a xestión activa dos bosques.
César Pérez Cruzado expresou asemade o seu convencemento de que o Inventario Forestal Continuo de Galicia e as súas ferramentas para a monitorización de bosques pode ter aplicacións noutros territorios, dado que se trata dun proxecto obxectivable e adaptable, elaborado con criterios de máxima transparencia e con datos verificables. “A utilidade de calquera inventario forestal está condicionada pola súa credibilidade”, afirma Pérez Cruzado, quen precisou que a propia USC vela polo control da calidade das distintas medicións realizadas e o Instituto Forestal de Göttingen realiza unha avaliación externa do rigor da metodoloxía empregada.
O investigador da USC responsable do Inventario Forestal Continuo de Galicia confía en poder rematar este proxecto en outono, aínda que nesta data a información compilada afectará a 86 concellos galegos de litoral dos que se contan con datos Lidar (técnica de teledetección por imaxe) actualizados. A disposición de máis información de datos de teledetección dunha maior superficie territorial permitiría a súa inclusión nun breve espazo de tempo no Inventario Forestal Continuo de Galicia, comenta Pérez Cruzado.
