O Victoria F.C. distingue a USC “en recoñecemento ao seu apoio, esforzo e dedicación” durante os 85 anos de historia do club

O Victoria Fútbol Club acaba de outorgar un recoñecemento honorífico á USC “en recoñecemento ao seu apoio, esforzo e dedicación” durante os 85 anos de historia desta entidade deportiva. O delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, foi o encargado de recoller o galardón no marco da gala de celebración do aniversario.
“Foi unha honra para a USC participar e ser recoñecida neste acto conmemorativo do 85 aniversario dun club histórico da cidade de Santiago de Compostela como é o Victoria F.C., con máis vida ca nunca”, subliñou Javier Rico. “É un dos clubs con máis licenzas de toda Galicia —arredor das 500—, que está levando a cabo un labor extraordinario a prol do deporte feminino e de base, cunha masa social excepcional”, engadiu.
O delegado do reitor para o Deporte destacou tamén que o Victoria F.C. é un dos clubs cos que a Universidade de Santiago de Compostela está levando a cabo “unha estreita colaboración” para a organización e participación en actividades deportivas e “facilitar a conciliación entre a vida académica e deportiva das e dos deportistas, entre outras accións”. Neste senso, cómpre salientar que o club conta con alumnado universitario entre deportistas e técnicos/as.
Tamén recolleron galardóns honoríficos Esther Pedrosa, concelleira de Deportes; Rafael Louzán, presidente da Real Federación Galega; Miguel Rodríguez, técnico da Fundación Deporte Galego; Jose Luis Míguez, Jesús Rodríguez Morlán, Salvador Figueiras e Antonio Martínez, expresidentes do Club; Chiqui Guldrís, Javier García, Juan García, Jaime e Michi, ex directivos; así como Gelo Castiñeiras e Suso Moure, xogadores que formaron parte do club e chegaron a xogar en Primeira División.
