Pasar al contenido principal

Os Premios da Cultura Galega recoñeceron o Programa ConCiencia e a traxectoria do profesor Manuel González

Foto de familia de autoridades e persoas premiadas. FOTO: Xunta
Foto de familia de autoridades e persoas premiadas. FOTO: Xunta
Os Cursos Universitarios Internacionais ‘Música en Compostela’ nos que tamén participa a USC foron premiados por contribuír ao coñecemento das persoas autoras e da música no exterior
Lugo, Santiago de Compostela

O profesor emérito Manuel González e o programa ConCiencia foron distinguidos este mércores 15 no acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2022 xunto cos Cursos Universitarios Internacionais ‘Música en Compostela’ nos que tamén participa a USC. Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distinguiu un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.

Investigador adscrito ao Instituto da Lingua Galega (ILG), a actividade de Manuel González, premiado na modalidade de lingua, céntrase nos ámbitos da xeografía lingüística, lexicografía, terminoloxía, sociolingüística, norma, así como fonética e tecnoloxías da fala. Membro numerario da Real Academia Galega dende febreiro de 1992, foi secretario e tesoureiro desta institución, entre outras responsabilidades. Este profesor da USC é coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades. Director de Cadernos de lingua, González é membro do consello científico dunha vintena de revistas lingüísticas de diversos países.  

Dende 2006, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a institución compostelá desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Os Premios da Cultura Galega recoñeceron esta iniciativa, dirixida polo profesor Jorge Mira, na modalidade de proxección exterior. Ademais dos premios Nobel, no marco do programa ConCiencia, teñen visitado a USC persoas galardoadas coa Medalla Fields outorgada pola Unión Matemática Internacional; o premio Abel, considerado como o Nobel das Matemáticas; e o premio Turing concedido no eido das Ciencias da Computación. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección da cidade de Compostela como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores e investigadoras da USC.

A institución compostelá tamén forma parte do consello directivo dos Cursos Universitarios Internacionais ‘Música en Compostela’  que veñen dende 1958 desenvolvendo o seu labor docente, así como fomentando a preservación, o coñecemento e a difusión do patrimonio musical, ademais de contribuír ao coñecemento das persoas autoras e da música no exterior.

Nesta edición 2022, a Xunta tamén premiou a Marica Campo (letras), María Victoria Carballo-Calero (artes visuais), Melania Cruz (artes escénicas), Xosé Ramón Gayoso (audiovisual) e Xacarandaina (patrimonio cultural).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.03.2023.