Xornada sobre mobilidade sostible este mércores na USC

A USC leva traballando moito tempo polo fomento dunha mobilidade sostible en favor da comunidade universitaria e da nosa contorna. Entre outras actividades, promove o préstamo de bicicletas nos Campus de Lugo e Santiago, a ferramenta "comparte coche" e os mapas peonís.
Deste xeito, en conmemoración do Día Mundial da Bicicleta, a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza este mércores 19 unha xornada de mobilidade sostible na Aula Magna da Facultade de Física no Campus Vida e dirixida a toda a comunidade universitaria.
A xornada comezará ás 16.00 horas cunha charla a cargo de Faustino Gómez, da Asociación Composcleta, co título ‘Mobilidade e modelos de sociedade’ e continuará con Oliveira Bike, que desenvolverá un obradoiro sobre mecánica básica e mantemento de bicicletas.
Esta iniciativa marca o inicio dun obradoiro permanente xestionado pola ODS que facilitará o acceso a ferramentas para o mantemento das bicicletas, un espazo físico común e, sobre todo, un espazo compartido, onde poder resolver dúbidas.