O Diploma Excelsor en IV Ciclo é un dos títulos propios ofertados no ciclo formativo de IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela.
Os diplomados Sénior en IV Ciclo poderán optar ao Diploma Excelsor en IV Ciclo.
Para a obtención deste título o alumnado deberá realizar, baixo a dirección de un ou varios docentes da USC, un traballo de investigación orixinal, individual ou colectivamente.
Os diplomados Sénior en IV Ciclo que desexen obter o Diploma Excelsior en IV Ciclo deben solicitalo á dirección do IV Ciclo co visto e prace do director ou directores do traballo, xunto cunha breve memoria do traballo que van realizar.
Hai que respectar, como mínimo, un prazo de 90 días entre a solicitude e a presentación, ou depósito, do traballo.
Debe depositarse o traballo por cuadriplicado, debidamente encadernado, na secretaría do IV Ciclo.
Na primeira páxina debe figurar o visto e prace do director ou directores.
Transcorridos 15 días desde o seu depósito, a dirección do IV Ciclo autorizará a súa defensa, que se anunciará cun mínimo de 15 días de antelación.
Unha vez autorizada a defensa, fixado o día e nomeado o tribunal, trasladarase o traballo á Secretaría do IV Ciclo e comunicaráselle ao alumnado a obriga de formalizar a matrícula nun prazo mínimo dunha semana antes da exposición.
O tribunal constará de tres membros que serán nomeados pola Comisión Académica do IV Ciclo.
O director ou directora do traballo formará parte do tribunal. De haber máis dun director, formará parte do tribunal tan só un deles.
Os traballos que concorran avaliaranse consonte as seguintes cualificacións: aprobado, notable e sobresaliente.
Se a xuízo do tribunal o traballo non acada un nivel suficiente, procederase á súa devolución e á devolución do expediente á Unidade de Xestión correspondente, facendo constar na acta a mención «devolto».