Pasar al contenido principal

Chega unha nova edición do Proxecto Mentoring para mellorar as posibilidades de acceso ao mundo laboral

Poden participar no proxecto tanto o estudantado de último curso de grao ou mestrado como as persoas tituladas de mestrado ou graduadas no curso pasado. Foto: Santi Alvite
Poden participar no proxecto tanto o estudantado de último curso de grao ou mestrado como as persoas tituladas de mestrado ou graduadas no curso pasado. Foto: Santi Alvite
O prazo de inscrición desta convocatoria, na que colaboran un cento de profesionais como mentoras e mentores, remata o 18 de outubro

Mellorar as posibilidades de acceso ao mundo laboral do estudantado e das persoas tituladas é o propósito do Proxecto Mentoring USC Desenvolvemento Profesional que chega á súa décima edición impulsado pola Área de Orientación Laboral e Emprego da USC.

O programa, cuxo prazo de inscrición está aberto ata o 18 de outubro, bríndalle ás persoas participantes a oportunidade de establecer contacto con destacados e destacadas profesionais da área profesional nos seus respectivos campos

Poden participar no proxecto tanto o estudantado de último curso de grao ou mestrado como as persoas tituladas de mestrado ou graduadas no curso pasado. As mentoras e mentores compartirán con elas coñecementos da súa área de traballo e información sobre alternativas profesionais, alén de clarificar dúbidas sobre a profesión elixida, ofrecer apoio para a definición do obxectivo profesional, de itinerarios formativos, e facilitar coñecementos específicos e prácticos sobre a profesión.

Ademais, o estudantado ten a oportunidade de participar en diversas accións formativas que facilitan a mellora e adquisición de habilidades, proporcionándolles as ferramentas necesarias para deseñar unha estratexia efectiva de busca activa de emprego.

Ao longo das nove edicións do programa teñen participado máis de 750 estudantes e agárdase que nesta décima edición colaboren un cento de profesionais de diferentes sectores, profesións e responsabilidades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2024.