Pasar al contenido principal

Bota a andar a vixésimo quinta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Carlota López, Antonio López e Francisco Fraga no acto de sinatura
Carlota López, Antonio López e Francisco Fraga no acto de sinatura
O reitor da USC Antonio López Díaz e a vicepresidenta de Aresa Carlota López asinaron o convenio de colaboración que marca o punto de partida para este galardón que recoñece proxectos que crean emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro
Lugo

O Premio Aresa leva xa un cuarto de século recoñecendo proxectos que son clave na creación de emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro “como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego”. A sinatura do convenio de colaboración entre USC e Aresa que se desenvolveu este martes 29, no Pazo de Montenegro, marca o punto de partida para unha nova edición deste certame dirixido a empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outra entidade “que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega”, tal e como destacaron o reitor da USC Antonio López Díaz e a vicepresidenta de Aresa, Carlota López. No acto tamén participou o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e asistiu a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella. 

Poden concorrer ao certame proxectos de actividade empresarial, é dicir, aquelas iniciativas que aínda estean en fase de proxecto pero que teñan definidas as súas liñas de actuación e de implantación no mercado; ou iniciativas empresariais innovadoras en calquera das súas fases de desenvolvemento, así como empresas xa consolidadas. Nos dous casos, a candidatura terá que ser presentada coa documentación xustificativa da adecuación á finalidade do Premio, así como con calquera outra que se considere necesaria para demostrar os seus méritos. Incluirase un resumo dunha extensión máxima de dúas páxinas.

Tamén poden concorrer ao certame traballos de I+D+i que serán orixinais, de aplicación práctica nos sectores agrícola, gandeiro ou agroalimentario galegos, ou que supoñan unha contribución notoria ao desenvolvemento rural. As memorias presentadas non poderán superar nunca as cen páxinas e incluirán un resumo dunha extensión máxima de dúas páxinas. Entregarase canda elas un currículo das persoas autoras, ademais de calquera outra documentación que se considere de interese e que teña relación co traballo presentado.

Na análise das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren postos de traballo e valor engadido. Por isto, valorarase principalmente a viabilidade económica,  a creación de postos de traballo, especialmente no rural; a posta en valor dos produtos da terra;  os proxectos que supoñan a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais que teñan potencial de desenvolvemento; e a innovación de produtos ou métodos produtivos. O premio consta dun Diploma de Mérito e dunha dotación económica de dez mil euros. 

A presentación das candidaturas, acompañadas dos traballos e outra documentación xustificativa, farase no rexistro electrónico da USC e nas Oficina de asistencia en materia de rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago, antes do día 10 de xaneiro de 2025. As candidaturas deben ir dirixidas á Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo.

Palmarés

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), e Moexmu (2023). 

O xurado da vindeira edición estará composto polo reitor da USC e o presidente de Aresa, ou nas persoas en quen deleguen, xunto co vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, o catedrático da USC e ex reitor Senén Barro e o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2024.