Pasar al contenido principal

O iMATUS, garante da autenticidade do acibeche da ourivería compostelá

Detalle de pezas de prata e acibeche. Foto: Santi Alvite
Detalle de pezas de prata e acibeche. Foto: Santi Alvite
O instituto da USC será quen desenvolva os sistemas de control que permitirán avalar a pureza das pezas e así loitar contra a fraude que existe con este material e que prexudica o prestixio da artesanía de Santiago

Entre o 60 e o 80% do acibeche comercializado no mundo non sería auténtico, segundo estudos realizados acerca dun material artesanal que é un sinal de identidade da ourivería de Compostela. Por esta razón, a USC, Ourives de Compostela e o Concello de Santiago veñen de chegar a acordos para garantir a autenticidade das pezas que se elaboran na cidade.

O Instituto de Materiais da USC (iMATUS) será o encargado de desenvolver os sistemas de control que permitirán avalar a pureza das pezas de acibeche da ourivería compostelá. Ademais, iMATUS levará a cabo unha auditoría sobre o acibeche comercializado baixo a marca Ourives de Compostela, e encargarase da acreditación das pezas máis destacadas.

Desde o ano 2020 existe un protocolo de colaboración entre a USC e Ourives de Compostela e o pasado mes de xuño puxéronse en marcha as actividades de apoio tecnolóxico de iMATUS a Ourives de Compostela, con quen recentemente o Concello Concello compostelán asinou o convenio para garantir a autenticidade do acibeche que usan os artesáns e as artesás galegas. O proxecto contempla así mesmo a restauración de pezas históricas, coas que colaborará o iMATUS achegando o seu coñecemento en materiais e técnicas de análise.

Deste xeito, o persoal investigador de iMATUS pon o seu coñecemento e tecnoloxía ao servizo da tradición orfebre, garantindo a autenticidade do acibeche á vez que contribúe ao desenvolvemento económico de Galicia. A iniciativa non só protexerá o patrimonio cultural de Santiago de Compostela, senón que ademais fortalecerá a confianza das persoas consumidoras e o prestixio da artesanía local, o que permitirá as produtos de orfebrería compostelá competir nos mercados nacionais e internacionais.

Presentación proxecto Ourives-iMATUS
O proxecto de colaboración Ourives-iMATUS presentarase nun acto público o próximo día 20 de novembro ao que asistirán, ademais da vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo, representantes do Concello, da Deputación de A Coruña e da Xunta de Galicia.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2024.