Pasar al contenido principal

Aberta a novena convocatoria Seed Funding de EUniWell para proxectos innovadores que promovan o benestar

A convocatoria busca financiar proxectos innovadores que melloren e promovan de xeito diverso e significativo o benestar en distintos ámbitos
A convocatoria busca financiar proxectos innovadores que melloren e promovan de xeito diverso e significativo o benestar en distintos ámbitos
A USC destacou pola coordinación e participación en proxectos na anterior edición deste programa de financiación de EUniWell. Están previstas sesións informativas o 16 de xullo e o 28 de agosto
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) abre o prazo de solicitude da novena convocatoria Seed Funding co obxectivo de financiar proxectos innovadores que melloren e promovan de xeito diverso e significativo o benestar en distintos ámbitos, como a saúde, a educación, a investigación, a sociedade ou o medio ambiente.

Concibido como un programa de financiación colaborativo e aberto á participación de calquera membro da comunidade universitaria (persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal administrativo), a convocatoria Seed Funding establece como requisito que en cada proposta participen membros de polo menos catro universidades da Alianza EUniWell. Cada proxecto seleccionado recibirá unha subvención de ata 25.000 euros e deberá completarse nun prazo máximo de 12 meses. 
O prazo para presentar solicitudes pecha o 25 de setembro de 2025. O comité de selección comunicará as decisións de financiación en novembro, unha vez finalizado o período de avaliación.

Sesións informativas

A Oficina EUniWell da USC organiza unha sesión informativa híbrida o mércores 3 de setembro, ás 11.00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Dereito ou virtualmente a través de Teams. As persoas interesadas poderán asistir para resolver dúbidas sobre o proceso de solicitude. Adicionalmente, EUniWell ofrece outros dous encontros virtuais en inglés sobre a convocatoria: o 16 de xullo e o 28 de agosto en horario de 12.00 a 13:30 horas.

As consultas xerais sobre esta convocatoria poden dirixirse ao enderezo euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal).

Proxectos seleccionados na 8ª convocatoria Seed Funding

Na pasada convocatoria Seed Funding de EUniWell, tres proxectos coordinados por profesorado da USC figuran entre as once propostas innovadoras e interdisciplinares que finalmente recibiron financiamento: WELLMOBE, coordinado por Raul Rios-Rodríguez da Área de Economía Aplicada, explora a equidade na mobilidade Erasmus+; R2CU, coordinado por Beltrán Puentes Cociña da Área de Dereito Administrativo, persegue implementar principios de economía circular nas universidades; e PILGRIM-APHY-TOUR, coordinado por Lucrezia Lopez da Área de Análise Xeográfica Rexional, estuda a peregrinación como unha forma de terapia de benestar. Ademais, outros catro proxectos seleccionados contan con participación de membros da comunidade USC.

Con estes resultados, a USC posiciónase na oitava convocatoria Seed Funding como a primeira universidade do consorcio tanto en número de proxectos coordinados, como no que se refire a proxectos participados. Estes datos “poñen de manifesto a crecente implicación dos diferentes colectivos da nosa universidade nas actividades da Alianza, e anímannos a seguir traballando no afianzamento de EUniWell na nosa institución”, subliña a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso.

Dende a súa primeira edición, o programa Seed Funding de EUniWell xa financiou máis de 70 proxectos colaborativos que tiñan como obxectivo central mellorar e promover o benestar en distintos ámbitos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.07.2025.