Pasar al contenido principal

A Universidade Médica de Varsovia intégrase na Alianza EUniWell

Tras a sinatura dun Memorando de Entendemento en maio de 2025, a Universidade Médica de Varsovia (MUW) foi agora incluída formalmente como membro de pleno dereito da Alianza.
Tras a sinatura dun Memorando de Entendemento en maio de 2025, a Universidade Médica de Varsovia (MUW) foi agora incluída formalmente como membro de pleno dereito da Alianza.
Coa adhesión desta institución polaca, a Universidade Europea para o Benestar suma doce entidades socias
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade Europea para o Benestar (EUniWell), Alianza na que se integra a USC, suma unha nova institución socia coa incorporación da Universidade Médica de Varsovia (Polonia). A MUW convértese así no duodécimo membro deste consorcio europeo do que tamén forman as universidades de Birmingham (Reino Unido), Constanza (Alemaña), Florencia (Italia), Colonia (Alemaña), Murcia (España), Nantes (Francia) Semmelweis (Hungría), Inalco (Francia), Linneo (Suecia) e Taras Shevchenko de Kiev (Ucraína).

Tras a sinatura dun Memorando de Entendemento en maio de 2025, a Universidade Médica de Varsovia (MUW) foi agora incluída formalmente como membro de pleno dereito da Alianza e como entidade beneficiaria no proxecto EUniWell-WeFF. Fundada en 1809, a MUW é unha das principais institucións de investigación médica de Europa Central e Oriental. Con máis de 10.000 estudantes e máis de 1.800 membros do persoal académico, a universidade ofrece un amplo abano de programas en Medicina, Odontoloxía, Farmacia, Saúde Pública e Ciencias Biomédicas.

A incorporación desta universidade polaca supón un novo impulso á colaboración académica transfronteiriza, así como na promoción de valores compartidos no panorama europeo do ensino superior. A profesora Beatrix Busse, directora de Desenvolvemento de EUniWell, afirmou que “coas súas capacidades excepcionais en investigación e formación médica, a MUW achega un impulso valioso á Arena Temática de Saúde e Benestar dentro de EUniWell. As 180 unidades de investigación e docencia da universidade reflicten o seu compromiso profundamente arraigado coa mellora da saúde e do benestar a través da innovación e do intercambio de coñecemento. Os seus valores conectan fortemente coa misión de EUniWell”.

Pola súa banda, o reitor da MUW, o profesor Rafał Krenke, destacou a importancia deste paso. “Cremos que a colaboración académica máis aló das fronteiras é esencial para afrontar os retos complexos da atención sanitaria e a sociedade no momento actual. Coa integración na Alianza EUniWell, agardamos avanzar no descubrimento científico, na educación innovadora e, sobre todo, no benestar das nosas comunidades”, explicou.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2025.