Pasar al contenido principal

A Universidade de Verán da USC oferta este ano 21 programas en 11 concellos da provincia de Lugo entre xuño e setembro

García, González e Méndez, na presentación do curso de verán sobre prensa local en Humanidades
García, González e Méndez, na presentación do curso de verán sobre prensa local en Humanidades
Un foro sobre a prensa local a partir do caso de La Voz de Ortigueira abre o 2 de xuño en Humanidades a programación estival da USC no campus de Lugo

A Universidade de Verán 2016 da USC, unha programación integrada este ano por 46 cursos que se desenvolverán entre os meses de xuño e setembro en 17 localidades galegas e de Portugal, inclúe a celebración de 21 actividades formativas na provincia de Lugo, das que 11 se celebrarán nos distintos centros universitarios do campus lugués e outras dez nos concellos de Antas de Ulla, Cervantes, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte, Muras, O Corgo, A Pastoriza, Ribadeo e Seoane do Courel.

O curso ‘O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O Caso de La Voz de Ortigueira’, un programa dirixido por María Isabel González Rey e Xosé López García e organizado co gallo da celebración do centenario do nacemento deste semanario, abrirá o 2 de xuño a programación estival da USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo. O obxectivo deste programa, ademais de conmemorar a efeméride, é favorecer un debate sobre a práctica do xornalismo na era da globalización, segundo indicou González Rey no acto de presentación deste programa, unha sesión na que tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e Pilar García Porto, deputada da Deputación Provincial de Lugo. O número de localidades nas que se desenvolverá en 2016 a oferta estival da USC o do pasado ano e denota a vocación descentralizadora e de divulgación da Universidade de Verán da USC, unha programación heteroxénea en canto á súa temática e para a que xa está aberto o proceso de matrícula, tanto en liña, a través da web da USC, como de xeito presencial, nos servizos habilitados para tal efecto nos campus de Santiago e Lugo. A inscrición nos cursos de verán poderá realizarse ata aproximadamente dez días antes antes do comezo da actividade en cuestión. O abano de temas propostos no marco da Universidade de Verán 2016 da USC permite ofrecer títulos en todas as áreas de coñecemento, atendendo a cuestións de actualidade como tamén fomentando o debate arredor de cuestións clásicas. Daquela, ademais da prensa local, a música como recurso curricular, mediación intercultural, o teatro, a linguaxe xurídica a través da experiencia práctica, a empresa familiar, a vespa asiática, plantas medicinais ou as políticas de desenvolvemento rural son algúns dos temas que se abordarán nos cursos programados no campus de Lugo. O sector lácteo, biodiversidade e patrimonio da montaña, paisaxe, educación na natureza, industria ecolóxica, arqueoloxía, viticultura, agricultura e alimentación fronte ao cambio climático, a importancia dos soutos na ecoloxía rural e a evolución da raza bovina galega centrarán a temática das actividades formativas estivais programadas ao abeiro da Universidade de Verán 2016 da USC noutros concellos da provincia de Lugo. Recoñecemento académico As persoas que formalicen a súa inscrición nun curso de verán da usc recibirán un diploma acreditativo da súa participación sempre e cando asistan ao 80% das horas lectivas programadas. Asemade, a USC recoñece os cursos de verán 2016 a efectos de créditos para o estudantado: dous créditos para cada curso de 25 ou máis horas e un crédito polos de menos de 25 horas (en todo caso, ata un máximo de seis créditos en total). A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de máis carga lectiva e de 70 para os de menos de 25 horas. Ademais, existe unha taxa reducida (de 70 e 40 euros, respectivamente) aplicable a alumnado universitario, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, persoas en situación de desemprego, socios/as da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e PDI e PAS da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.05.2016.