A Universidade Europea do Benestar, EUniWell, convida a toda a comunidade da USC a un evento en liña o próximo 12 de decembro ás 14.00 horas para coñecer as novas oportunidades formativas incluídas no catálogo de cursos da alianza para o segundo semestre do curso actual.
Este novo catálogo está composto por máis de 30 cursos de temática diversa ofrecidos polas once universidades que integran o consorcio EUniWell, entre elas a USC. A oferta está dirixida a toda a comunidade universitaria –estudantado, PDI e PTXAS–, proporcionando oportunidades para ampliar coñecementos e explorar novas áreas de estudo: dende a aprendizaxe de idiomas ata a aplicación da intelixencia artificial no ámbito da saúde.
Durante o evento virtual, as persoas participantes poderán coñecer en detalle a ampla oferta formativa, que inclúe cursos prácticos en liña, formatos de aprendizaxe interactiva e programas de mobilidade por Europa. Ademais, daranse a coñecer as oportunidades de formación doutoral da USC e o Well-being Center for Postgraduates de EUniWell. Trátase dunha excelente oportunidade para descubrir recursos educativos de alta calidade e conectarse coa comunidade EUniWell.