Nova oferta de cursos de EUniWell: de balde para a comunidade USC

Xa está aberto o prazo de inscrición na nova oferta do Catálogo de Cursos de EUniWell, a Universidade Europea para o Benestar. Trátase dun conxunto de oportunidades formativas de balde, maioritariamente en liña e dirixidas a estudantado, PDI e/ou PTXAS.
A nova oferta inclúe cursos sobre temáticas diversas e actuais, como os desafíos do desenvolvemento sostible, a cocreación na ensinanza, a psicoloxía cultural e comunitaria, a redacción e publicación académica, o patrimonio xacobeo, a hospitalidade no Camiño de Santiago ou a ciencia aberta, entre outras.
No Catálogo están dispoñibles cursos con compoñente de mobilidade física de curta duración. Neses casos, as persoas interesadas deben consultar a páxina web de Mobilidade EUniWell antes de inscribirse para coñecer se a USC ofrece financiamento e cales serían as condicións.
Non deixes pasar esta ocasión para acceder a recursos educativos de alta calidade. Inscríbete antes do 6 de abril e impulsa a túa formación!