Nova oferta de cursos e formacións de EUniWell para o segundo semestre
Xa está aberto o prazo de inscrición para o terceiro lote do curso 2025/2026 do Catálogo de EUniWell, a Universidade Europea para o Benestar. A oferta actual inclúe un amplo conxunto de oportunidades formativas maioritariamente en liña e de balde para a comunidade da USC (estudantado, PDI e PTXAS).
Desta volta, a Alianza EUniWell ofrece unha selección de cursos completamente novos e outros que regresan trala súa popularidade en edicións anteriores. A oferta dispoñible para o segundo semestre abrangue temáticas diversas e actuais, como o desenvolvemento sostible, os desafíos ambientais, a igualdade profesional, a intercomprensión lingüística, a resiliencia psicolóxica, a economía azul ou a ciencia aberta, entre outras.
Ademais, no Catálogo de EUniWell tamén figuran cursos con compoñente de mobilidade física de curta duración. Neses casos, as persoas interesadas deben consultar a páxina web de Mobilidade EUniWell antes de inscribirse para comprobar se a USC ofrece financiamento e coñecer cales serían as condicións.
Non o deixes pasar! Trátase dunha excelente oportunidade para desenvolver competencias técnicas, reforzar habilidades transversais e/ou conectar con persoas doutras universidades europeas.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 16 de xaneiro de 2026.