Ir o contido principal

O prazo para presentarse á sexta convocatoria Seed Funding de EUniWell remata o 10 de marzo

Cartel da iniciativa
Cartel da iniciativa
A presentación de propostas está aberta a toda a comunidade universitaria. Os proxectos innovadores seleccionados poderán recibir unha subvención de ata 25.000 euros
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade Europea do Benestar EUniWell, na que se integra a USC, mantén aberta a sexta convocatoria Seed Funding, un programa de financiación que persegue que persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal administrativo de toda a Alizanza EuniWell poñan en marcha proxectos colaborativos que melloren, de xeito diverso e significativo, o benestar na academia e na sociedade. Esta sexta convocatoria de propostas estará aberta ata o 10 de marzo de 2024.

Cada proxecto innovador pode recibir unha subvención máxima de 25.000 euros, que se distribuirá entre os diferentes socios do proxecto. As iniciativas seleccionadas en convocatorias anteriores poden consultarse na páxina de EUniWell. A avaliación de propostas comezará o 15 de marzo e o comité de selección finalizará as decisións de financiamento a finais do mes de abril.

Sesión informativa

Está programada unha sesión informativa de Zoom para axudar ás persoas interesadas no proceso de solicitude. Será o mércores 21 de febreiro, de 12.00 a 13.30 horas. Nesta sesión, as persoas participantes terán a posibilidade de compartir as súas ideas de proxecto, conectar con posibles colaboradores e resolver calquera outra dúbida relacionada coa convocatoria. As consultas poden dirixirse ao enderezo contactform [at] euniwell.eu (contactform[at]euniwell[dot]eu)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.02.2024.