Ir o contido principal

O primeiro simposio do CAS de EUniWell culmina tras tres xornadas sobre investigación, innovación e benestar

A xornada celebrouse no Centro de Estudos Avanzados da USC
A xornada celebrouse no Centro de Estudos Avanzados da USC
O Centro de Estudos Avanzados de Santiago foi sede de traballo e colaboración deste encontro

O primeiro simposio do Centre for Advanced Studies (CAS) de EUniWell (Universidade Europea para o Benestar) culminou no Campus de Santiago tras tres días de encontros entre estudantado de doutoramento, persoal investigador e persoal técnico e de xestión de seis universidades europeas: Universität Konstanz, University of Birmingham, Università degli Studi di Firenze, Universidad de Murcia e Linnéuniversitetet, ademais de USC.

Baixo a temática ‘Innovation on Well-Being for SDGs Achievement’, o simposio celebrouse no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da USC co obxectivo de abordar temas estratéxicos nos distintos ámbitos de interese de EUniWell e impulsar oportunidades de colaboración a fin de propoñer novos proxectos de investigación e innovación ligados co benestar.  No acto de apertura, a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo, destacou o labor na posta en marcha deste primeiro encontro do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables e liderado pola USC no marco do proxecto EUniWell-Weff da Alianza.

Durante tres xornadas de traballo, os participantes presentaron resultados e avances dos seus proxectos de investigación relacionados co benestar e/ou a innovación, coñeceron de cerca algúns dos proxectos seleccionados na sétima convocatoria Seed Funding de EUniWell –entre eles, Geo3DTouch e PSYSUB, ambos coordinados por profesoras da USC– e asistiron a sesións dedicadas á innovación na investigación, ás oportunidades de financiación europea, ás perspectivas de transferencia e á colaboración académica.

No I Simposio do CAS de EUniWell tamén participaron tres das investigadoras sénior seleccionadas para actuar como Champions de EUniWell –embaixadores/as da Alianza para promover o benestar e fomentar a colaboración entre as comunidades académicas–: Azucena Mora, da USC, cunha conferencia sobre a resistencia aos antibióticos; Anna Maria Papini, da Università degli Studi di Firenze, cunha intervención sobre péptidos e benestar; e Beáta Dávid, da Semmelweis University, cunha charla maxistral sobre o illamento e a soidade social.

Na sesión de clausura, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, agradeceu aos asistentes a súa participación nesta primeira edición do simposio e destacou a oportunidade deste encontro para “fomentar o traballo colaborativo, poñer en común ideas e solucións distintas para o futuro e seguir avanzando e desenvolvendo xuntos a misión de EUniWell arredor do benestar”.

O CAS de EUniWell

O Centre for Advanced Studies (CAS) é a principal estrutura de investigación, innovación e transferencia de EUniWell e ten como obxectivo facilitar as colaboracións de investigación e innovación entre a comunidade universitaria da Alianza.
 

De esquerda a dereita; Anna Maria Papini, Azucena Mora e Beáta Dávid, investigadoras seleccionadas como embaixadoras de EUniWell
De esquerda a dereita; Anna Maria Papini, Azucena Mora e Beáta Dávid, investigadoras seleccionadas como embaixadoras de EUniWell
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2025.