Ir o contido principal

Asociación de Amigos do MHN

Nadal con sentidiño - Concurso de adornos de Nadal e natureza

16.12.2025 | 18.00h

A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela organiza o Concurso Nadal con sentidiño co que invitamos a todas as persoas a gozar das festas de forma responsable e respectuosa co medio ambiente.

Cartel do concurso
Cartel do concurso

Obxectivo

O obxectivo principal deste concurso é a elaboración de adornos para a árbore de nadal que a Asociación ten no MHN. Teredes que facer animais ou plantas coa técnica de papel pregado ou papiroflexia: dinosauros, baleas, insectos, aves, peixes, caracois, planetas, árbores, cogomelos, flores... Así teremos unha árbore única, chea de natureza e feita a man, con moito agarimo na que colaborarán cativos e maiores.

Modalidades

  • Individual: os participantes presentarán unha obra orixinal de forma individual xunto co nome proposto para ela. Cada concursante so poderá presentar como máximo dúas obras que serán valoradas de xeito individual. O tamaño será libre, en calquera caso, non superior a 20x20 cm.
    Categorías:
    • Cativos: Ata 8 anos
    • Mocidade: De 9 a 14 anos
    • Xeral: Maiores de 15 anos
  • Colectiva: presentarán unha obra orixinal dunha recreación dunha escena natural (por exemplo: fondo mariño, selva, sabana, fraga...) realizada conxuntamente polo alumnado da aula ou do colectivo de que se trate. O colectivo entregará o conxunto que terá un lema ou nome proposto para a súa descrición. O tamaño será libre pero non superior a unha cartulina grande.

Técnica libre
Premiarase a orixinalidade, presentación e calidade.

Premios

  • Modalidade individual: Dous premios por categoría, consistentes en diplomas e agasallos (xogos e libros).
  • Modalidade colectiva: Primeiro premio cun diploma e agasallo colectivo; segundo premio cun diploma e unha invitación a un obradoiro do museo.

    Aceptaranse dous traballos por participante individual, pero só se poderá levar un premio por persoa.

Prazos e datas clave

  • Prazo de presentación: Ata o 12 de decembro no Museo de Historia Natural.
  • Fallo e entrega de premios: 16 de decembro, ás 18:00 h.

As obras estarán expostas durante o Nadal e poderán ser retiradas a partir do 8 de xaneiro de 2026. De non retirarse, pasarán a ser propiedade da Asociación de Amigos do Museo.

Consulta as bases completas e anímate a participar!

Cartel do concurso
Cartel do concurso
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2025.