Skip to main content

O programa Conversas en Fonseca iniciou a súa programación cunha entrevista co reitor Juan Casares

Forma parte da programación de Radio campUSCulturae on line

O programa ‘Conversas en Fonseca’ de Radio campUSCulturae online acaba de inaugurar o seu ciclo de entrevistas en profundidade cunha conversa co reitor Juan Casares, quen analiza e valora os catro anos á fronte da Reitoría compostelá así como outras cuestións relacionadas coa vida universitaria e coa súa propia traxectoria humana e profesional. A entrevista emitiuse esta pasado martes aínda que se poderá consultar en podcast na web da propia emisora. Cunha hora de duración e periodicidade semanal, Conversas en Fonseca pretende ofrecer un achegamento á traxectoria profesional e vital dos membros da comunidade universitaria que teñan destacado polo seu labor ou actividade a prol da USC. Terán cabida tamén aqueles persoeiros que visiten a USC ou figuras da vida compostelá que poidan ofrecer o seu punto de vista sobre a institución docente compostelá. A seguinte emisión deste programa, o vindeiro martes, terá como protagonista ao catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo considerado un dos científicos galegos con máis proxección internacional. Radio campUSCulturae on-line

Na actualidade son 20 os programas que emite Radio campUSCulturae on-line, con contidos elaborados por arredor de 50 persoas, entre alumnado, profesorado e persoal non docente das facultades de Ciencias da Comunicación, Historia, Filosofía, Dereito e Ciencias Políticas. Radio campUSCulturae onli-ne ten previsto desenvolver unha programación especial arredor da celebración das próximas eleccións a reitor, dedicando o día 25 de abril a un especial informativo emitido en directo de cinco horas de duración ininterrompida, con reporteiros destacados nos principais lugares onde estea a xurdir a información sobre a xornada electoral en curso.

The contents of this page were updated on 04.02.2014.