Skip to main content

Un seminario sobre urbanismo clausurou a quinta edición do Máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas

De esquerda a dereita, Diana Santiago, María Encarnación Rivas e  José María Domínguez
De esquerda a dereita, Diana Santiago, María Encarnación Rivas e José María Domínguez

A 5ª edición do Máster en Dereito de Administracións e Institucións Públicas da USC celebrou este mércores a súa clausura no decanato da Facultade de Dereito no transcurso dun seminario sobre a situación actual do urbanismo en Galicia e os cambios necesarios para avanzar neste terreo. Participaron a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, María Encarnación Rivas Díaz, e o subdirector xeral da Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística, José María Domínguez Blanco, así como a coordinadora do máster, a profesor Diana Santiago. A secretaria xeral referiuse á nova lei urbanística que prepara a Xunta de Galicia, insistindo na importancia de que os concellos conten con planes de ordenación. “O problema de Galicia non é de lei, é de planeamento, aínda hai 60 municipios na Comunidade que non contan con ningún tipo de ordenación urbanística”, afirmou. Encarnación Rivas recalcou tamén a importancia a necesidade de trasladar á poboación a importancia do urbanismo pola súa influencia en aspectos cotiás. Pola súa banda, José Mª Domínguez aludiu ás funcións da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), creada hai uns anos como un instrumento organizativo de colaboración entre a Xunta de Galicia e os concello, para mellorar a calidade da ordenación urbanística e poñela ao servizo de todos os cidadáns. Segundo explicou Diana Santiago, profesora e coordinadora do Máster, nesta titulación tratan cada ano de renovarse e “incidir naqueles aspectos de máis interese para a sociedade”. Así, ao longo deste curso 2013-2014, o máster incluíu numerosos seminarios e xornadas monográficas, nas que se contou coa colaboración de importantes institucións coa colaboración de institucións como o Consello Consultivo de Galicia. A titulación busca profundar nos conceptos, métodos e técnicas fundamentais do Dereito, en particular do Dereito Administrativo e Constitucional. Está estruturada en varios módulos, cuxo obxecto é o estudo de novas fórmulas organizativas das institucións públicas, dos cambios existentes en materia de persoal, dos novos sistemas procedimentais de diferentes ámbitos de intervención administrativa ou da prestación de servizos públicos, entre outras cuestións.

The contents of this page were updated on 05.22.2014.