Skip to main content

A Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas celebra o seu pleno e unha serie de xuntanzas de traballo na USC

A Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas (CICUE) reunirase este xoves 8 e o venres 9 na USC onde se celebrarán unha xornada de diferentes grupos de traballo e o pleno desta comisión sectorial que preside o reitor Juan Casares. A xuntanza dos grupos de traballo sobre cooperación universitaria ao desenvolvemento e sobre internacionalización abrirán o xoves 8 ás 9.30 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía unha serie de xuntanzas dos grupos de traballo desta comisión sectorial da Conferencia de Reitores de Univerdades Españolas (CRUE). Na primeira xornada e logo de iniciadas as sesións dos grupos de traballo, Lucca Pirozzi, da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, impartirá unha conferencia sobre o programa Erasmus + na que afondará en aspectos claves deste programa. Pola tarde, a partir das 15.00 horas, reanudaranse os encontros dos grupos de traballo de cooperación ao desenvolvemento e de mobilidade, dando paso á conferencia do catedrático de Economía Aplicada da Complutense de Madrid José Antonio Alonso titulada ‘A cooperación española na axenda post 2015’. O pleno da CICUE celebrarase o venres 9 a partir das 9.00 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía presidido polo reitor Juan Casares. A quenda de intervencións principiará ás 9.30 horas coa presenza de Luís Delgado, da secretaría xeral de Universidades, nunha mesa sobre a estratexia de internacionalización e mobilidades das universidades españolas que está elaborando o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Deseguido, o coordinador local da Universidade Granada no proxecto Erasmus VMOCLAB presentará a experiencia deste proxecto en materia de mobilidade virtual. A partir das 11.30 horas celebrarase o pleno de CICUE no que ao informe do presidente e dos coordinadores dos grupos de traballo se sumará a elección da persoa que coordinará o grupo de Cooperación.

The contents of this page were updated on 05.07.2014.