Skip to main content

Medicina avalía as técnicas máis innovadoras en cirurxía torácica-cardiovascular

Na mesa presidencial, de esquerda a dereita, Teresa Castaño, Félix Rubial, Juan Viaño, Luis Verde e Ángel Fernández. Foto: Santi Alvite
Na mesa presidencial, de esquerda a dereita, Teresa Castaño, Félix Rubial, Juan Viaño, Luis Verde e Ángel Fernández. Foto: Santi Alvite
O reitor presidiu este xoves na facultade de Medicina a inauguración do XXII Congreso Nacional da Sociedade Española de Cirurxía torácica-cardiovascular

O reitor Juan Viaño presidiu este xoves 19 a inauguración do XXII Congreso Nacional da Sociedade Española de Cirurxía Torácica (SECTV) que ata o venres 20 reúne a expertos/as de todo o país na Facultade de Medicina de Santiago para abordar, entre outras cuestións, as técnicas menos invasoras en cirurxía torácica, as innovadoras válvulas que non precisan sutura nin abrir o tórax, os últimos tratamentos de cardiopatías conxénitas ou as novidades en transplantes e corazóns mecánicos artificiais. No acto inaugural, acompañaron ao reitor o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial Bernárdez; o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Luis Verde Remeseiro; a secretaria da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Mª Teresa Castaño Oreja; e o presidente da SECTV, o profesor Ángel Fernández González. Viaño agradeceu a elección da USC como sede do congreso e reivindicou o papel de referencia que ocupa a USC na investigación no ámbito sanitario a través de Campus Vida, poñendo especial atención na transferencia do traballo realizado no laboratorio á aplicación clínica. No encontro participan preto de 400 especialistas que coñecerán de primeira man as últimas técnicas minimamente invasoras que permiten acceder ao corazón a través de pequenas incisións e intervir mediante a utilización de cámaras de vídeo, as técnicas endovasculares que serven para corrixir enfermidades da aorta sen ter que abrir o tórax ou as novas válvulas cardíacas que se implantan sen necesidade de sutura, entre outras. Na cita tamén se exporán os resultados da cirurxía de bypass aorto-coronario utilizando enxertos arteriais do propio paciente e os resultados da cirurxía da válvula mitral que permite corrixir lesións sen ter que substituír a peza. Abordaranse os avances na corrección cirúrxica dos defectos conxénitos do corazón, tanto infantil como adulto e presentaranse os primeiros resultados da implantación de corazóns mecánicos artificiais. Por último, tamén se abordarán aspectos relacionados coa cooperación internacional e a crise, xa que moitos dos membros da SECTCV colaboran con diversas ONG que desenvolven programas de cirurxía cardíaca infantil e de adultos en varios países, especialmente de África e se presentarán os resultados dunha enquisa realizada a profesionais para coñecer a incidencia da crise económica no seu traballo. Programa O congreso xa comezou este mércores 18 cunha reunión da xunta directiva da SECTCV e dos grupos de traballo de asistencia ventricular, patoloxía da aorta, arritmias e reparación valvular. As comunicacións libres da xornada do 19 están dedicadas ás próteses valvulares sen sutura e próteses transcatéter, ao acceso minimamente invasor en cirurxía valvular, ás arritmias e cirurxía coronaria e á cirurxía cardíaca xeral. Están programadas as mesas científicas tituladas ‘Perceval sen sutura... liderando o camiño ao futuro’ e ‘Avances en cirurxía valvular: presente, pasado e futuro da cirurxía de mínima incisión’. Para o día 20 está previsto abordar nas comunicacións libres o transplante cardíaco e asistencia mecánica circulatoria e as escalas de risco cirúrxico e as infeccións cardiovasculares, entre outros temas. As mesas científicas do último día tratarán ‘A asistencia ventricular a medio e largo prazo’ e ‘Próteses aórticas transcatéter’. Pola tarde celebrarase unha mesa redonda sobre a cooperación internacional en cirurxía cardiovascular e as dificultades en época de crise. A xornada remata coa asemblea xeral da SECTCV. Para o derradeiro día tamén queda a conferencia do presidente da sociedade, o doutor José Ángel Fernández González, do Centro Hospitalario Universitario de Santiago, e a presentación do novo presidente que ocupará o cargo José Cuenca Castillo do Centro Hospitalario Universitario da Coruña.

Durante os tres días de congreso os asistentes inscritos teñen a posibilidade de participar en talleres e cursos prácticos sobre diferentes técnicas cirúrxicas, como a reparación valvular, un adestramento en técnicas de anastomose para cirurxiáns cardiovasculares e a redución da válvula e implante en corazón de porco, patrocinados por diferentes casas comerciais. Os organizadores do congreso outorgarán premios á mellor comunicación oral, o mellor póster, o mellor vídeo e a mellor comunicación sobre cirurxía torácica.

The contents of this page were updated on 06.19.2014.