Skip to main content

Expertos de toda España avalían en Medicina as técnicas máis innovadoras en cirurxía torácica-cardiovascular

Expertos de toda España avalían en Medicina as técnicas máis innovadoras en cirurxía torácica-cardiovascular
Expertos de toda España avalían en Medicina as técnicas máis innovadoras en cirurxía torácica-cardiovascular
O reitor presidirá este xoves na facultade de Medicina a inauguración do XXII Congreso Nacional da Sociedade Española de Cirurxía torácica-cardiovascular

As técnicas menos invasoras en cirurxía torácica, as innovadoras válvulas que non precisan sutura nin abrir o tórax, os últimos tratamentos de cardiopatías conxénitas ou as novidades en transplantes e corazóns mecánicos artificiais son algúns dos temas que se tratan estes días no XXII Congreso Nacional da Sociedade Española de Cirurxía Torácica (SECTV) que reúne ata o venres 20 a numerosos expertos/as de todo o país na Facultade de Medicina de Santiago. O reitor da USC Juan Viaño presidirá este xoves 19 ás 11.30 horas no Salón de Actos da facultade o acto inaugural do congreso. Xunto a el, tamén participarán o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Féliz Rubial Bernárdez; o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Luis Verde Remeseiro; a secretaria da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Mª Teresa Castaño Oreja; e o presidente da SECTV, Ángel Fernández González. Ao encontro está prevista a asistencia de 400 especialistas que coñecerán de primeira man as últimas técnicas minimamente invasoras que permiten acceder ao corazón a través de pequenas incisións e intervir mediante a utilización de cámaras de vídeo, as técnicas endovasculares que serven para corrixir enfermidades da aorta sen ter que abrir o tórax ou as novas válvulas cardíacas que se implantan sen necesidade de sutura, entre outras. Na cita tamén se exporán os resultados da cirurxía de bypass aorto-coronario utilizando enxertos arteriais do propio paciente e os resultados da cirurxía da válvula mitral que permite corrixir lesións sen ter que substituír a peza. Abordaranse os avances na corrección cirúrxica dos defectos conxénitos do corazón, tanto infantil como adulto e presentaranse os primeiros resultados da implantación de corazóns mecánicos artificiais. Por último, tamén se abordarán aspectos relacionados coa cooperación internacional e a crise, xa que moitos dos membros da SECTCV colaboran con diversas ONG que desenvolven programas de cirurxía cardíaca infantil e de adultos en varios países, especialmente de África e se presentarán os resultados dunha enquisa realizada a profesionais para coñecer a incidencia da crise económica no seu traballo. Programa O congreso xa comezou este mércores 18 cunha reunión da xunta directiva da SECTCV e dos grupos de traballo de asistencia ventricular, patoloxía da aorta, arritmias e reparación valvular para, a partir das 15.30 horas, abordar as enfermidades da aorta e a cirurxía mitral mediante comunicacións libres. A tarde da primeira xornada contempla dúas mesas científicas tituladas ‘Tratamento da insuficiencia mitral en pacientes con insuficiencia cardíaca e alto risco cirúrxico. Abordaxe mediante dispositivos percutáneos ou cirurxía’ e ‘Empurrando os límites de Tevar: diseccións aórticas e anatomías complexas’. As comunicacións libres da xornada do 19 estarán dedicadas ás próteses valvulares sen sutura e próteses transcatéter, ao acceso minimamente invasor en cirurxía valvular, ás arritmias e cirurxía coronaria e á cirurxía cardíaca xeral. Están programadas as mesas científicas tituladas ‘Perceval sen sutura... liderando o camiño ao futuro’ e ‘Avances en cirurxía valvular: presente, pasado e futuro da cirurxía de mínima incisión’. Para o día 20 está previsto abordar nas comunicacións libres o transplante cardíaco e asistencia mecánica circulatoria e as escalas de risco cirúrxico e as infeccións cardiovasculares, entre outros temas. As mesas científicas do último día tratarán ‘A asistencia ventricular a medio e largo prazo’ e ‘Próteses aórticas transcatéter’. Pola tarde celebrarase unha mesa redonda sobre a cooperación internacional en cirurxía cardiovascular e as dificultades en época de crise. A xornada remata coa asemblea xeral da SECTCV. Para o derradeiro día tamén queda a conferencia do presidente da sociedade, o doutor José Ángel Fernández González, do Centro Hospitalario Universitario de Santiago, e a presentación do novo presidente que ocupará o cargo José Cuenca Castillo do Centro Hospitalario Universitario da Coruña. Durante os tres días de congreso os asistentes inscritos teñen a posibilidade de participar en talleres e cursos prácticos sobre diferentes técnicas cirúrxicas, como a reparación valvular, un adestramento en técnicas de anastomose para cirurxiáns cardiovasculares e a redución da válvula e implante en corazón de porco, patrocinados por diferentes casas comerciais. Os organizadores do congreso outorgarán premios á mellor comunicación oral, o mellor póster, o mellor vídeo e a mellor comunicación sobre cirurxía torácica.

The contents of this page were updated on 06.18.2014.