Unha tese analiza por primeira vez o fenómeno do crowdfunding na industria cinematográfica
Construír audiencia, promover o proxecto antes da súa realización, valorar a viabilidade do proxecto, acceder a un público máis amplo a través do ecosistema dixital ou actuar con liberdade sobre o seu propio proxecto, son algunhas das vantaxes que presenta o crowdfunding en comparación con outros métodos de financiamento de proxectos cinematográficos. Estas son algunhas das conclusións da tese de Mónica López Golán dirixida por Francisco Campos Freire que analiza por primeira vez en Galicia o comportamento do crowdfunding como un método para o financiamento total ou parcial de proxectos cinematográficos en tempos de Internet. O traballo que foi defendido na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acadou a cualificación de sobresaliente cum laude. A autora da tese analizou varios casos de proxectos financiados con esta técnica para comprobar que, ademais da captación de fondos, a fórmula presenta outras moitas diferenzas cos métodos tradicionais como que acurta a tradicional cadea de valor, permite unha relación directa entre os extremos desta e modifica os roles xa que o creador convértese en xestor do financiamento mentres que o consumidor, adquirindo un papel activo e a oportunidade de vivir unha experiencia que transcende o feito de ver a película, pasa a ser ‘coprodutor’ do proxecto. O estudo establece tamén que o cine e esta técnica son unha irmandade en alza e que cada vez son máis os proxectos que se lanzan a este método de investigación non só por motivos económicos de busca de financiamento. Na tese analizáronse varios casos de proxectos cinematográficos financiados a través de crowdfunding, tanto os promovidos porcreadores noveis -maioría nesta técnica- como os realizados por figuras cinematográficas consolidadas, como Spike Lee, para concluír que o seu exemplo serviu para atraer novos participantes que, inicialmente, non se sentían atraídos por plataformas especializadas neste tipo de estratexia. Polo tanto, a tese conclúe que esta nova fórmula de produción democratizou o cine dando cabida a proxectos que doutro xeito non tivesen visto a luz. Moitos deles paseáronse por festivais internacionais e algúns chegaron a gañar premios de recoñecido prestixio no ámbito cinematográfico como os Oscar ou Goya. Finalmente, o traballo investigador anota que, aínda que se trate dunha consideración provisional que esixirá efectuar un seguimento á evolución desta estratexia no cine, pódese falar dun sistema alternativo de financiamento que non vive de costas a un sistema tradicional que terá que ir adaptándose á coexistencia.