Skip to main content

Xosé Ramón Pousa Estévez tomou posesión como decano da Facultade de Ciencias da Comunicación

Xosé Ramón Pousa tomou posesión nun acto presidido polo reitor Viaño (Foto: Santi Alvite)
Xosé Ramón Pousa tomou posesión nun acto presidido polo reitor Viaño (Foto: Santi Alvite)

Coa “profunda e particular crise” dos medios de comunicación como marco do seu discurso, o profesor Xosé Ramón Pousa Estévez tomou posesión este mércores do seu cargo de decano da Facultade de Ciencias da Comunicación nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e ao que asistiu un nutrido grupo de compañeiros e compañeiras da Universidade. Pousa obtivo en outubro o respaldo da Facultade nunha votación á que só se presentaba a súa candidatura e que obtivo 18 votos a favor, 2 en contra e 4 abstencións. Os profesores Antía López Gómez e Francisco Campos Freire, en calidade de vicedecanos, e Marcelo Martínez Hermida, como secretario, completan o novo equipo decanal. A formación integral do estudantado de Comunicación Audiovisual e Xornalismo e a implementación de accións que favorezan a súa integración profesional son dous dos obxectivos capitais do novo equipo de goberno da Facultade de Ciencias da Comunicación, un dos centros máis novos da USC que nos seus case 25 anos de existencia deu máis de 1.800 titulados en xornalismo e de 400 en comunicación audiovisual. O novo decano mostrouse preocupado polo desemprego e a degradación da vida laboral deses profesionais, pero mandou unha mensaxe tranquilizadora: “Fronte ás tradicionais, constatamos novas saídas laborais nas que se prima a formación como xornalistas ou experto en comunicación audiovisual, con inserción en organismos de todo tipo, grandes e medianas empresas que buscan e contratan profesionais para viabilizar a súa comunicación interna, atender a súa responsabilidade social corporativa ou mellorar a súa relación co entorno social”. Pousa amosou ademais a súa inquedanza por dous problemas que ameazan a facultade como son as dificultades para incorporar novo persoal investigador e docente e a rápida evolución tecnolóxica e o envellecemento do material de prácticas “que necesita dunha renovación e reposición constante”. Pola súa banda, o reitor significou o prestixio do centro en todo o Estado “como así o avala a produción científica anual e o número de estudantes que curso a curso demandan entrar nas nosas aulas” á vez que sinalou como retos neste mandato –“que xa se empezaron a asumir”– acometer a renovación da acreditación das dúas titulacións” Pousa Estévez O profesor titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC Xosé Ramón Pousa Estévez (Compostela, 1953) é doutor en Ciencias da Información pola Universidade Autónoma de Barcelona na que estudou xornalismo. Como investigador pertence ao Grupo Novos Medios e coordinou varios proxectos financiados polo Ministerio de Educación e a Xunta de Galicia relacionados co estudio da audiencia radiofónica, a aplicación de novas tecnoloxías dixitais e a utilización de ferramentas de comunicación no mundo da empresa. Autor de varios libros sobre o medio radiofónico, o último foi La Radio , un medio en evolución. Como xestor académico, foi vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación (1993-2000) e director do Departamento de Ciencias da Comunicación (2000-2004). Foi ademais secretario da Asociación Galega de Investigadores en Comunicación AGACOM (2006-2012). No plano profesional foi redactor de A Nosa Terra (1977-1979) e La Voz de Galicia (1980-1993) e director de Antena 3 Radio en Santiago de Compostela (1990-1993). En 1991 incorporouse á USC como profesor asociado. Foto de grupo do equipo decanal co de goberno da USC (Foto: Santi Alvite)

The contents of this page were updated on 12.17.2014.