A Facultade de Filosofía súmase aos actos en defensa desta materia no Ensino Secundario
A Facultade de Filosofía da USC súmase ás iniciativas promovidas pola Rede Española de Filosofía (REF) en todo o estado español en defensa da Filosofía no Ensino Secundario, que no anteproxecto da LOMCE sofre “o recorte máis duro e inxustificado en toda a historia da democracia española”. Baixo o lema ‘Quen teme a Filosofía?’, este venres 15 responsables da Facultade, da Sociedade Galega de Filosofía, a Aula Castelao de Filosofía e o Grupo Doxa realizarán o acto simbólico de entrega dun libro de filosofía e un comunicado conxunto na Consellaría de Educación e en cada unha das xefaturas territoriais. En Santiago será ás 11.45 horas no rexistro xeral de San Caetano. O citado anteproxecto elimina dúas das tres materias obrigatorias que viñan compoñendo o ciclo completo dos estudos de Filosofía na Educación Secundaria (a ‘Educación Ético-Cívica’ de 4º de ESO e a ‘Historia da Filosofía’ de 2º de Bacharelato) e deixa só unha (‘Filosofía’, de 1º de Bacharelato), o que supón unha redución do 66,6% do currículo.