Skip to main content

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo celebra o mércores 20 de febreiro as III Xornadas de Portas Abertas

O programa de actividades, dirixido a alumnos de 4º de ESO, BAC e ciclos superiores de FP, inclúe postos informativos, visitas guiadas polo centro e sesións prácticas

A Escola Politécnica Superior (EPS) do campus de Lugo celebrará o vindeiro mércores, día 20 de febreiro, a terceira edición de Xornadas de Portas Abertas, a través das que pretende dar a coñecer á sociedade en xeral e, ao estudantado de 4º de ESO, 1º de BAC e de ciclos superiores de Formación Profesional, a oferta educativa e as saídas profesionais que presentan as titulacións impartidas neste centro universitario do campus de Lugo.

Os responsables académicos da Escola Politécnica Superior que participen neste encontro con alumnado de ensino medio, unha actividade organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte’ tamén informarán sobre a posibilidade de desenvolver prácticas en empresas como primeiro paso para acceder ao mundo laboral. As III Xornadas de Portas Abertas da EPS comezarán ás 10.00 horas cun primeiro encontro no pavillón central deste centro universitario. O programa de actividades deseñado para esta edición contempla, do mesmo xeito que en anos anteriores, a instalación de diversos postos de información sobre os estudos impartidos e as saídas profesionais que se lles presentan aos os graduados en Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, que son os cinco títulos que conforman a oferta educativa de grao impartida na actualidade na EPS. As visitas guiadas ás distintas dependencias do centro: laboratorios, aulas, invernadoiros e fincas de prácticas e a posibilidade de ter unha participación activa en sesións de manexo de tractor ou prácticas topográficas mediante GPS, enxertado de árbores, aprendizaxe da lectura dos paneis das árbores, cata de queixos, agricultura ecolóxica... son outras das actividades contempladas no programa das III Xornadas de Portas Abertas.

Os alumnos/as que visiten o vindeiro mércores, día 20 de febreiro, a EPS do campus de Lugo recibirán distintos folletos informativos sobre os títulos de grao ofertados, ao tempo que terán como agasallo o dicionario de Vocabulario Forestal e Termos Esenciais de Botánica.

The contents of this page were updated on 02.18.2013.