Chega a Santiago o primeiro congreso internacional sobre políticas e prácticas universitarias
Posibilitar o debate, por e para universitarios, sobre algúns dos problemas contemporáneos das universidades será o principal cometido do I Congreso Internacional sobre ‘Coñecemento, tecnoloxías e ensinanza: políticas e prácticas universitarias’ que se desenvolverá a vindeira semana en Compostela organizado polo grupo Stellae da USC e a Facultade de Filosofía e Humanidades da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina). Entre o mércores 6 e o vindeiro venres 8, o programa a desenvolver encádrase no contexto do proxecto de cooperación ‘Universidade na sociedade do coñecemento. Fortalecemento institucional de áreas dedicadas á ensinanza universitaria con novas tencoloxías’ que desenvolven a USC e a Nacional de Córdoba e forma parte da Rede Unisic (Universidad e Sociedade da Información e o Coñecemento) dende 2006 coa apoio da AECID. Este congreso buscará establecer un debate que permita identificar as voces da universidade pública ante o conxunto de demandas cruzadas procedentes dos diferentes organismos e axencias nacionais e internacionais. A intención da organización é reflexionar sobre as relacións entre as políticas e as prácticas nas universidades, nas economías e sociedades da información e o coñecemento, poñendo o foco en cómo afectan aos procesos de ensino e aprendizaxe. Os temas arredor dos xirará o programa deseñado son políticas de coñecemento nas universidades e novos procesos de produción, distribución e difusión do coñecemento; transformacións organizacionais, institucionais e tecnolóxicas nas universidades; perspectivas, tensións e tendencias no traballo docente universitario; experiencias e tendencias en dispositivos e contornos na ensinanza superior contemporánea; estudantes, prácticas de estudo e socialización; e límites e oportunidades das redes de universidades e a cooperación.