Lili Berlín participa este xoves no Doc & Roll da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC
A actriz e cantante Blanca Cendán e o pianista Suso Alonso ofrecerán este xoves 21 a partir das 11.00 horas o espectáculo ‘Lili Berlín’ no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. Esta actuación é parte da actividade ‘Doc & Roll’, promovida polo equipo Canal Campus da USC e inclúe a proxección dun documental sobre o filme Cabaret e un debate cos compoñentes de Lili Berlín. Esta dinámica dá continuidade ás actuacións que xa se realizaron tanto o pasado curso como no presente coa participación de Doctor Gringo e Wöyza e a proxección de documentais de temática musical. En horario de 11.00 a 13.00 horas e tamén en streaming en www.canalcampus.es, nesta ocasión o documental a proxectar será ‘Luces de cabaret’ que trata sobre como se realizou o filme Cabaret protagonizado por Liza Minnelli. Tras o visionado da cinta, Blanca Cendán e Suso Alonso actuarán e manterán un coloquio. O proxecto ‘Doc & Roll’ pretende dar a coñecer e promover os conxuntos musicais integrados por estudando da institución universitaria e está aberta a todos os estilos musicais sen excepción. Na iniciativa colaboran a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a USC e as firmas Emsac e Estudio 54. Estes eventos son organizados polo equipo Canal Campus (www.canalcampus.es), coordinado polo profesor Xaime Fandiño, que traballa no eido Estudos da Música Popular desde a perspectiva da comunicación. Este ano colaboran na produción do evento os alumnos de terceiro curso de Comunicación Audiovisual.