Skip to main content

Comeza en Ciencias da Comunicación o XIII Congreso Internacional Ibercom

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC abre este mércores 29 as súas portas ao XIII Congreso Internacional Ibercom que ata o próximo día 31 se desenvolverá baixo o lema ‘Comunicación, cultura e esferas de poder’ coa participación de máis de 700 investigadores. O reitor Juan Casares presidirá a inauguración do encontro este mesmo mércores nun acto inaugural programado para as 18.00 horas na propia Facultade e no que tamén intervirán o secretario xeral de Universidades, Xosé Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o vicerreitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (Agacom), Margarita Ledo; e a presidenta de AssIBERCOM, Inmacolata Vasallo. Logo da apertura oficial do encontro, Clemencia Rodríguez, profesora da Universidade de Oklahoma (USA), analizará a importancia dos medios de comunicación nos movementos e cambios sociais como a recente Primavera Árabe. Clemencia Rodríguez está especializada na análise de comunicación alternativa, comunitaria e cidadá na que traballa dende hai máis de tres décadas. O programa do congreso comezará previamente, xa que a partir das 10.00 horas está prevista unha xuntanza da Asociación Latinoamericana de Investigadores de Comunicación (ALAIC), da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras da Comunicación e do Nordic Centre for Media and Communication Research, NORDICOM. A importancia dos medios de comunicación para a democracia e os cambios sociais é o eixo temático dos debates que se abordarán estes días en Ibercom, evento promovido por Agacom e organizado por unha comisión que, baixo a presidencia da catedrática Margarita Ledo, integra a profesores das tres universidades galegas.

The contents of this page were updated on 05.28.2013.