Skip to main content

O profesor da USC José Luis Carro, investido doutor honoris causa pola Universidade italiana Roma Tre

O profesor da USC José Luis Carro, investido doutor honoris causa pola Universidade italiana Roma Tre
O profesor da USC José Luis Carro, investido doutor honoris causa pola Universidade italiana Roma Tre

O catedrático de Dereito Administrativo da USC José Luis Carro Fernández-Valmayor foi investido este xoves doutor honoris causa en Xurisprudenciapola Universidade italiana Roma Tre, a proposta unánime da súa Facultade de Dereito, pola súa “achega fundamental a aspectos cruciais do Dereito Público e Administrativo”. No acto, presidido polo reitor Mario Panizza, o profesor compostelán estivo rodeado dos seus discípulos e familiares, e ante unha nutrida presenza de profesores italianos e españois ditou a lección maxistral ‘Reflexións sobre a transformación actual do Dereito Publico, con particular referencia ao Dereito Administrativo’. A laudatio correu a cargo do catedrático de Dereito Administrativo Guido Corso, que cualificou ao profesor Carro como "unha das referencias do Dereito Publico Europeo contemporáneo". A obra do profesor Carro constitúe, segundo a Universidade romana, unha “decisiva contribución” ao proceso de unificación dos sistemas europeos en clave de tutela dos dereitos e de desenvolvemento das autonomías. Membro da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, Carro recibiu recentemente do Ministerio de Xustiza a Cruz de Honor da Orde de San Raimundo de Peñafort. É ademais doutor pola Universidade de Bolonia e profesor convidado en numerosas universidades estranxeiras.

The contents of this page were updated on 11.28.2013.