A Escola Politécnica Superior e a Facultade de Bioloxía serán sedes da fase galega da V Olimpíada de Xeoloxía
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e a Facultade de Bioloxía de Santiago serán dúas das sedes da fase galega da quinta edición da Olimpíada da Xeoloxía, un certame aberto á participación de estudantes de 4º curso de ESO e de Bacharelato, convocado pola Asociación Española para as Ensinanza das Ciencias da Terra (Aepect), en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos.
As distintas probas programadas ao abeiro da fase autonómica da V Olimpíada de Xeología desenvolveranse de xeito simultáneo o vindeiro 18 de febreiro de 2014, en horario de 11.30 a 18.30 horas, nos centros universitarios da USC antes sinalados, así como nas outras dúas sedes do certame establecidas nos campus de Vigo e de Ourense. Os centros educativos interesados en tomar parte nesta actividade poden solicitar a súa participación antes do 5 de decembro de 2013. A ficha de inscrición está dispoñible e pode descargarse do blog da Asociación Española para as Ensinanzas das Ciencias da Terra, onde tamén se poden consultar exemplos de exames de edicións anteriores. Unha vez cumprimentada, cómpre remitir a solicitude ao enderezo de correo electrónico apectgalicia [at] gmail.com (apectgalicia[at]gmail[dot]com). As bases desta olimpíada de xeoloxía non establecen un número máximo de participantes por centros, aínda que se recomenda que non sexan máis de 12 estudantes. Os/as inscritos/as nesta olimpíada deberán completar dúas probas, unha de carácter teórico, que consiste en responder un test de 40 preguntas, e outra práctica, na que se empregarán mapas topográficos, fotografías xeolóxicas e exemplares de rochas, minerais ou fósiles. A entrega dos premios aos gañadores das distintas fases provinciais farase unha vez terminadas as distintas probas. Así, ao remate da xornada o/ gañador/a recibirá o pertinente diploma acreditativo ademais de material relacionado co estudo da xeoloxía. As bases establecen asemade a concesión dun accésit de 4º de ESO, con diploma acreditativo e material de estudo de xeoloxía, ademais dun diploma acreditativo para o mellor grupo. Días despois da celebración das distintas fases provinciais, a organización da V Olimpíada de Xeoloxía dará a coñecer os/as tres estudantes que acadaron as mellores cualificacións na fase autonómica e que representarán a Galicia na fase española, que se celebrará o 29 de marzo de 2014 en Toledo.