Skip to main content

Aberta a matrícula no obradoiro gratuíto de linguaxe e redacción xurídica en galego

Ata o día 30 de outubro e de xeito gratuíto o estudantado de Dereito poderá matricularse no Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego que lle achegará formación gramatical e léxica específica á vez que revisará as convencións documentais estilísticas necesarias para o exercicio profesional.

O curso, dirixido academicamente pola profesora Antonia Nieto Alonso, ten solicitado un crédito de libre configuración para os estudantes da licenciatura de Dereito, que xa fora concedido na súa edición do curso pasado. As aulas impartiraas Martín Ramos Ínsua, do Colexio de Avogados de Santiago, nas tardes dos días 3, 10, 17, 24 e 31 de outubro e 7 e 14 de novembro na Facultade de Dereito.

Témoslle lei Este obradoiro forma parte do programa de actividades de formación dirixidas aos estudantes da Facultade de Dereito dentro do plan de normalización do centro ‘ Témoslle lei’, xurdido da necesidade de dar cumprimento ao marco lexislativo que persegue a normalización da lingua galega nos eidos da administración e da xustiza, de xeito que non se quebrante o dereito lingüístico da cidadanía. Segundo as persoas promotoras da iniciativa, na actualidade os planos de estudos tanto da licenciatura como do grao de Dereito non garanten o coñecemento do tecnolecto xurídico que posibilite a máxima corrección xurídica e de aí a organización de obradoiros como este.

The contents of this page were updated on 09.18.2013.