Skip to main content

A Facultade de Medicina e Odontoloxía recibe o novo alumnado

A Facultade de Medicina e Odontoloxía recibe o novo alumnado
A Facultade de Medicina e Odontoloxía recibe o novo alumnado

O novo alumnado da Facultade de Medicina e Odontoloxía asistiu estes días aos actos de benvida que lle ofreceu o equipo decanal así como docentes e responsables dos distintos departamentos. O encontro do estudantado do Grao de Medicina contou coa asistencia ademais do xerente do CHUS, Luis Verde, do comisionado para as Ciencias da Saúde do equipo reitoral da USC, Manuel Macía, e do director do IDIS e profesor da USC, José Castillo. Xunto a outras moitas persoas relacionadas directamente coa facultade, na benvida interveu o decano do centro, Juan Gestal, que ademais de lembrarlles que “sodes os mellores expedientes do bacharelato” as carreiras que elixiron vanlles esixir moitos esforzos “non só nos estudos senón tamén durante a vida profesional”. A historia da Universidade, a oferta académica de posgrao, a especialización, as dificultades que se atoparán ao longo dos anos vindeiros e o espírito de colaboración foron algunhas das cuestións tratadas na charla. Ao alumnado de Odontoloxía explicoulle que o centro posúe o recoñecemento de Centro Sanitario outorgado pola Xunta de Galicia e desenvolve unha intensa actividade asistencial no contexto das prácticas clínicas de pregrao, “fundamentais nunha titulación profesionalizante”. Conta cunha unidade de radioloxía con TAC maxilofacial e ortopantomografía e cun laboratorio de próteses, e nela practícanse numerosos procedementos odontolóxicos complexos “que requiren un importante grao de especialización”. Ao de Medicina contoulle que a de Santiago é unha das Facultades máis antigas de España que ocupa o sexto lugar en produción científica no campo biomédico e que ten un Campus Vida de excelencia internacional e importantes institutos e centros de investigación acreditados. Ademais, estes tres últimos anos o alumnado da USC ocupa os primeiros postos do TOP-100 do MIR.

The contents of this page were updated on 09.11.2013.