Skip to main content

O Centro de Linguas Modernas organiza dúas sesións dedicadas ao Haiku, poema tradicional xaponés

O Centro de Linguas Modernas da USC organiza esta semana un curso de cultura xaponesa dedicada ao Haiku, poema tradicional xaponés que transmite unha mensaxe ou sentimento en 17 sílabas seguindo un ritmo de 5, 7 5 sílabas. É unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Casa Galicia Xapón e a Japan Foundation para conmemorar o 400 aniversario das relacións entre España e Xapón. De carácter itinerante o programa de Santiago xa se desenvolveu en Coria del Río, Sevilla e Madrid. O curso comezará o martes 18 de xuño cunha charla de entrada gratuíta e aberta a todos os públicos sobre Haiku. Será a partir das 19.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. Ao día seguinte terá lugar unha charla e taller sobre estes poemas xaponeses dirixidos a estudantes de xaponés. O lugar de celebración será no Seminario C da Facultade de Filoloxía en horario de 18.00 a 20.30 horas. Nas charlas presentarase a historia do Haiku, a súa definición e características, palabras clave relacionadas coas estacións do ano e o seu ritmo silábico interno. Haberá tamén referencias aos poetas máis famosos da historia e ás súas creacións máis representativas. Na sesión de taller, as persoas que participen recitarán haikus co obxecto de acostumarse á métrica, para despois compoñer as súas propias propostas de acordo ao seu nivel de xaponés. Todas as actividades están impartidas por Mutsuo Takano, presidente da Asociación de haiku da prefectura de Miyagi e director do grupo de haiku ‘Kogumaza’ e da Asociación de haiku moderno.

The contents of this page were updated on 06.17.2013.