Estudan en Santiago os novos modelos de renovación urbanística que enfatizan o patrimonio cultural e histórico
Unha das consecuencias da aposta, nas últimas décadas, por políticas urbanísticas “focalizadas na artificialización de solo virxe en detrimento do investimento na cidade consolidada foi, en opinión das profesoras da Autónoma de Barcelona, Judith Gifreu, e da USC, Teresa Carballeira, o deterioro e a obsolescencia dos núcleos urbanos de moitas cidades”. A conxuntura económica obrigou a repensar este modelo e agora as novas políticas oriéntanse cara á renovación urbana, que pretende reinventar a oferta turística e pór énfase na recuperación do patrimonio cultural e histórico. Precisamente deste cambio de cultura urbanística experimentado tras o estalido da burbulla inmobiliaria trata o congreso que se desenvolverá este venres 13 e o sábado 14 na Sala de Xuntas do Decanato da Facultade de Dereito dirixido polas profesoras Carballeira e Gifreu. En colaboración coa Universidade Autónoma de Barcelona e a Cátedra Prat da Riba, o tratará distintos aspectos dos procesos de rehabilitación, rexeneración e recuperación dos espazos urbanos con especial atención ás experiencias de Compostela e a máis recente de Vigo. No congreso ‘Urbanismo e cultura: da cultura urbanística ao urbanismo da cultura’, que conta co apoio financeiro da Fundación Ramón Lull, analizaranse os pros e contras desa planificación urbanística que atende a consideracións culturais co obxecto de mellorar a estética urbana, reivindicar o patrimonio colectivo e recuperar barrios, pero tamén como revulsivo da dinámica económica. Inauguración O encontro inaugurarase este venres 13 ás 9.00 horas cunha conferencia de Santiago González-Varas, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Alacante, titulada ‘O urbanismo como instrumento do desenvolvemento cultural’. A partir de aí as sesións estrutúranse en dous paneis dedicados ás actuacións de intervención integral nos espazos urbanos e aos valores culturais e de protección do patrimonio en relación coa xestión das políticas urbanas. Entre o claustro de relatores e relatoras figuran expertos de renome das Universidades de Santiago de Compostela, Politécnica de Cataluña, Autónoma de Barcelona e Rovira i Virgili de Tarragona. Ademais, intervirán o responsable de Vivenda e Mellora Urbana da Generalitat, o ex responsable da Oficina da Cidade Histórica e de Rehabilitación do Concello de Santiago e o xerente do Consorcio do Casco Vello de Vigo.